O Comité en Primeira Persoa de Galicia organiza o seu terceiro concurso fotográfico dirxido a mostar de primeira man o día a día das persoas con problemas de saúde mental.
Un ano máis, o Comité en Primeira Persoa de Galicia, lanza unha nova edición do seu concurso fotográfico. Baixo o título “Fai zoom á túa saúde mental”, o Comité quere coñecer, a través das fotografías das persoas participantes, a percepción e a visión que teñen sobre as rutinas, hábitos e vivencias do día a día convivindo cun problema desta índole.
Trátase dunha forma de ilustrar a realidade de quen ten ou convive con alguén que teña un diagnóstico de saúde mental. Sempre baixo o respecto e a consideración que merecen estas experiencias.
Unha experiencia artística fronte ós estigmas
Normalizar, informar e eliminar estigmas sobre a saúde mental, son os tres eixos sobre os que se constrúe este concurso. “Convidámosvos a que abrades o zoom e nos ensinedes os lugares ós que acudides para refuxiarvos, relaxarvos, meditar e atopar paz. En definitiva, os sitios que vos fan sentir ben para coida a vosa saúde mental”. con estas palabras, o Comité invita a todas aquelas persoas residentes en Galicia que estean vinculadas á saúde mental ou pertenzan a algunha entidade de Saúde Mental FEAFES Galicia; a compartir as súas experiencias e impresións a través da expresión fotográfica.
Cada persoa participante poderá enviar un máximo de dúas fotografías. O autor ou autora da fotografía gañadora recibirá un vale d 100€ para gastar en artigos fotográficos. O segundo e o terceiro premio, recibirán vales por valor de 75€ e 50€ respectivamente. Os tres obterán tamén unha figura de artesanía.
O prazo para a recepción das propostas remata o 14 de abril de 2023 ás 23h00 da noite. As fotografías e a documentación requerida deberán ser enviadas por correo electrónico a comite.primerapersona@feafesgalicia.org
Podes consultar as bases do III Concurso Fotográfico “Fai zoom á túa saúde mental” aquí, e no blog do Comité mentalizaccion.org