Skip to main content
O pasado 8 de xullo, o Pavillón de Santa Isabel en Santiago de Compostela acolleu unha xornada do máis divertida e enriquecedora, o XI Campionato de Balompé “Todos polo Fútbol” organizado por FEAFES Galicia. 
Un ano máis, oito equipos de fútbol sala pertencentes a distintas asociacións e delegacións de saúde mental de toda Galicia déronse cita na capital galega para demostrar que o deporte é algo máis que facer exercicio. A deportividade, o compañeirismo e a superación foron os ingredientes máxicos que fixeron desta xornada un día para recordar.
Ás 10:00 comezaron os primeiros encontros entre os distintos equipos, que confluíron a última hora de mañá nas semifinais disputadas entre Lenda (Redondela) e Alba (Pontevedra) por un lado, e FEAFES Vigo contra Lar (Vilagarcía de Arousa) por outro. Finalmente, foron Lenda e Lar quen conseguiron chegar á final, alzándose Lenda como campioa do XI Campionato de Balompé nun emocionante encontro entre dous rivais históricos.
Ademais da Copa, nesta xornada deportiva disputouse tamén a final da Liga de FEAFES Galicia entre o campión do Grupo Norte, Morea (O Barco), e o campión do Grupo Sur, Lenda (Redondela). Desta vez foi o equipo ourensán o que se fixo co trofeo, culminando así todo un ano de encontros entre os distintos equipos.
Os equipos de Doa (Cangas e Vigo), FEAFES Lugo e FEAFES Santiago completaron o cadro de competición deste torneo, ademais de contar coa presenza nas gradas da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal que acudiu para animar aos equipos participantes.
  
Un ano máis, o Campionato de Balompé “Todos polo Fútbol” conseguiu que o deporte se converta en maxia, facendo que o esforzo, a ilusión e a superación estean por riba de calquera resultado. Un dos integrantes do equipo gañador, Lenda, nolo conta coas súas propias palabras:

Carta de Julio César Andrés Maestu, xogador da asociación Lenda de Redondela

Grazas aos que fan posible este evento ano tras ano: aos coidadores, voluntarios, traballadores sociais, árbitros, usuarios das asociacións… ao alcalde de Santiago e os seus concelleiros de deporte así como ao señor presidente de FEAFES Galicia (Xosé Ramón Girón), pola vosa presenza, colaboración e traballo.

Grazas sobre todo aos meus compañeiros e amigos da asociación Lenda e os seus integrantes: sen vós non sería capaz de superar ou polo menos facer máis levadeira a enfermidade, xa que o deporte, neste caso o fútbol sala, é un medio de evasión da mesma e un medio de integración para as persoas con discapacidade. Sabendo de antemán que poñendo parte dun todo se supera, vai moito mellor a vida e as súas dificultades así como alegrías e logros como este.

Un bico moi grande e grazas tamén á miña nai e toda a miña familia, que sempre están aí para apoiarme e axudarme nos momentos difíciles.

O que diga ou o que faga nunca será suficiente para agradecervos o que facedes por min…

Grazas.