O próximo mércores 24 de xuño, a responsable do Servizo de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia acudirá a Madrid para participar nunha reunión convocada pola Asociación Española Deportiva para a Integración e a Recuperación (AEDIR). Neste encontro participarán distintas organizacións procedentes de diversas comunidades autónomas que fomentan programas de actividade física e deporte dirixidas a persoas con trastorno mental grave.
O obxectivo do encontro será poñer en común actividades que se realizan no ámbito da saúde mental e o deporte, fomentar a práctica deportiva entre o colectivo e valorar a posibilidade de impulsar iniciativas interautonómicas conxuntas. FEAFES Galicia exporá as actividades deportivas que se levan a cabo dende a Federación como a Liga Interasociativa de Fútbol Sala, o Torneo anual de Balompé ou o Torneo de Pingpong, ademais de falar do contido deportivo que teñen as saídas habituais de ocio.
Está comprobado que a práctica deportiva pode mellorar determinados síntomas de enfermidades mentais como a apatía, a falta de iniciativa, a baixa autoestima, as alteracións do sono e o illamento social. Ademais, incorpora novos valores como o esforzo, o compañeirismo e a recuperación. Deste modo, para as persoas con problemas de saúde mental o deporte non só supón o exercicio dun dereito cidadán, senón tamén un mecanismo útil para a promoción da saúde.
A AEDIR está integrada por persoas con experiencias en problemas de saúde mental, familiares, profesionais e organizacións de distintas comunidades autónomas. O seu obxectivo é o fomento da actividade física e o deporte como instrumento para a inclusión social, a recuperación e a loita contra a discriminación, propósito que comparte co Servizo de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia.