As nosas entidades asociadas acompañan a persoas cun diagnóstico de saúde mental no seu proceso de inserción laboral a través do programa “Inclúe Emprego e Saúde Mental”.
Acceder a un emprego é un obxectivo con enormes dificultades para as persoas con problemas de saúde mental. O desemprego e a marxinación do mundo laboral son unha das maiores desvantaxes sociais que sofre este grupo de persoas.
Para facer fronte a esta realidade, as asociacións APEM e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, en colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia; desenvolven o programa “Inclúe Emprego e Saúde Mental”.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade de persoas que atravesan dificultades por un problema de saúde mental. A través dunha metodoloxía flexible e adaptada ás necesidades individuais, ofrecemos un acompañamento integral e personalizado.
Este programa é unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
Ofrecemos un acompañamento adaptado a cada persoa
50 persoas cun diagnóstico de saúde mental participan no programa “Inclúe Emprego e Saúde Mental” en A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra. Nas asociacións reciben unha orientación e apoio adaptado a cada persoa para mellorar a súa empregabilidade. Acompañámolos na súa inserción ao mercado laboral promovendo a súa autonomía e capacidade para acadar e manter un posto de traballo.
Durante o proceso ofrecemos a cada persoa participante información, asesoramento e orientación laboral. Tendo sempre en conta os obxectivos de cada persoa e a súa situación particular. Tamén melloramos as competencias técnicas a través de accións formativas e prácticas non laborais. Do mesmo xeito, procuramos que se melloren as habilidades prelaborais necesarias para acceder ao mercado de traballo.
Desde este programa, os nosos técnicos e técnicas realizan unha importante labor de prospección laboral. Así manteñen comunicación coas empresas e persoas empresarias da zona, informándoas e sensibilizándoas.
Ademais, acompañan á persoa participante unha vez contratada e ofrecen un seguimento continuo para garantir que poidan manter o seu posto de traballo a longo prazo.
O programa “Inclúe Emprego e Saúde Mental” representa unha gran oportunidade para que as persoas cun diagnóstico en saúde mental poidan desenvolver o seu proxecto laboral.
—
O programa “Inclúe Emprego e Saúde Mental” é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.
![]()


