Skip to main content
Obra Social “la Caixa” renovou, un ano máis, o acordo de colaboración para desenvolver o programa Incorpora con oito entidades sociais de Galicia dedicadas á integración laboral de persoas con especiais dificultades para atopar traballo. 
As entidades que formarán parte deste convenio son Igaxes, Fundación Érguete-Integración, ApPES, FEAFES Galicia, COGAMI, Fundación Juan Soñador e Cruz Vermella de Ourense e Lugo –estas dúas últimas entidades asinan o convenio a nivel estatal–. 
O programa Incorpora ofrece ás empresas un servizo gratuíto de asesoramento e acompañamento en accións de responsabilidade social corporativa, centradas na integración laboral de persoas en situación de vulnerabilidade, como persoas con discapacidade, mozos en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración ou exreclusos. 
O seu principal obxectivo é “tender pontes entre as empresas e as entidades sociais que se dedican á integración laboral co fin de crear un clima de entendemento e colaboración entre ambas que redunde en oportunidades para quen máis o necesita”. En 2017, este programa facilitou un total de 843 postos de traballo.