Skip to main content
Con maior frecuencia do habitual, na Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia recibimos consultas de usuarios relacionadas con débedas derivadas de créditos persoais, contratados en moitas ocasións vía telefónica ou a través da Internet. Este tipo de contratación lévase a cabo sen que, por parte das devanditas entidades crediticias, exista ningún tipo de control previo sobre a situación económica e persoal do cliente, do mesmo xeito que non se lles informa das condicións xerais e particulares do préstamo.
Unha vez subscrito o contrato, e tras producirse falta de pagamentos, xérase unha débeda, a cal está composta en gran medida de intereses por encima dos legalmente permitidos. Neste momento, as entidades de crédito (ou en ocasións entidades de xestión de cobro que adquiriron a débeda xerada) comezan a asediar continuamente aos debedores reclamándolles cantidades excesivamente superiores ao capital prestado, sen outorgar ningún tipo de información sobre a orixe da cantidade que se reclama nin sobre o carácter da contía (canto corresponde á débeda principal e canto a intereses). 
Nesta situación de continuo asedio, as empresas realizan constantes chamadas de teléfono para reclamar as cantidades supostamente debidas e advirten insistentemente que realizarán unha sorte de embargo inminente e automático sobre todos os bens do debedor. Desde a Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia, aproveitamos para informarvos de certas cuestións xurídicas que se han de ter en conta e que rodean ao fenómeno deste tipo de créditos persoais.

Capacidade de obra do cliente

En primeiro lugar, é importante avaliar a capacidade de obrar das persoas que interveñen na solicitude dun crédito persoal, ao amparo do disposto no artigo 322 do Código Civil. Neste sentido, á hora de determinar a lexitimidade da débeda que se reclama, debe terse en conta se a persoa que solicitou o préstamo atopábase en pleno goce das súas facultades, ou se, pola contra, estaba incapacitada xudicialmente nos termos establecidos nos artigos 199 e seguintes do Código Civil (ben sometida a un réxime de tutela ou  curatela). 
Neste sentido, a práctica dinos que a gran maioría de entidades de crédito non solicitan ningún tipo de información sobre a situación xurídica do  prestatario, de forma tal que ofrecen un préstamo para ingresar en cuestión de horas sen saber se aquela persoa coa que contrataron estaba capacitada ou non para facelo. 

Intereses dos préstamos solicitados

En segundo lugar, outra cuestión importante a ter en conta por quen se atopa nesta situación é a relativa aos intereses dos préstamos solicitados. A este respecto, e aínda que cada caso concreto debe ser obxecto de análise, cabe sinalar que moitos destes préstamos presentan intereses excesivamente altos, podendo ser considerados leoninos, nos termos establecidos nos artigos 1 e 3 da Lei da Usura do 23 de Xullo de 1908. Resultando nulas as cláusulas onde se estipularon, en virtude do disposto nos artigos 82 e seguintes do Real Decreto 1/2007 de defensa dos consumidores e  usurarios. 

Ameaza de embargo

En terceiro lugar, outra dúbida que adoita exporse en relación ás reclamacións das devanditas entidades, é a relativa á continua ameaza de embargo automático sobre todo o patrimonio do debedor que estas mencionan nas súas chamadas. Neste sentido, hai que sinalar que no ordenamento xurídico español, os embargos non poden ser practicados por particulares. O embargo de bens é unha potestade que se reserva aos poderes do estado, e como consecuencia de ser unha potestade reservada (neste caso ao xuíz), o embargo é a fase final dun proceso que require: 
  • Unha demanda ante os xulgados, na que o propio tribunal avaliará de oficio que non se tiveran vulnerado dereitos dos consumidores na devandita reclamación
  • Un posterior preito onde o debedor poderá mostrarse parte para opoñerse e facer valer o que ao seu dereito conveña
  • Unha sentenza e, no seu caso, unha posterior execución
Desta maneira, non cabe a posibilidade de practicar un embargo cunha mera reclamación telefónica ou por carta, e moito menos sobre a totalidade do patrimonio do debedor executado. 
En relación ao dito anteriormente, o propio ordenamento xurídico establece a complexa tramitación que se debe seguir para practicar un embargo, tal e como se recolle nos artigos 584 e seguintes da Lei de Axuizamento Civil. Así como tamén establece límites á práctica do embargo, con especial atención aos artigos 605, 606 e 607 da Lei de Axuizamento Civil que establecen o carácter inembargable de determinados bens, así como a imposibilidade de embargar soldos, pensións ou retribucións que non excedan o salario mínimo interprofesional.    
En resumo, feitas as advertencias anteriores sobre as cuestións derivadas dos créditos persoais, podemos concluír que o dereito dos acredores para esixir o pago dunha débeda, non é un dereito absoluto e que lexitime condutas que van máis aló da boa fe contractual e que atentan contra os dereitos da parte contratante como consumidora. Neste senso, sempre hai que analizar a cantidade que se reclama, incluíndo os intereses, a forma e medios que se utilizan para reclamar, así como a capacidade de obrar do debedor no momento de contratar e a súa situación económica. 
Desde a Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia lembrámosvos que, para calquera consulta legal, non dubidedes en poñervos en contacto connosco a través do voso profesional de referencia.