Skip to main content
Un grupo de 7 persoas pertencentes ao Club de Ocio de FEAFES Coruña participaron, o pasado 8 de abril, nunha xornada de iniciación ao tenis grazas á Escola de Tenis Marineda. Este club ten como obxectivo popularizar a ensinanza deste deporte e facelo asequible a todos os públicos, para o cal ofrece clases, organiza torneos, prepara múltiples actividades ao longo do ano, etc. 
A clase na que participaron as persoas usuarias de FEAFES Coruña durou unha hora e estivo impartida por Bea, monitora da escola. Con esta actividade, dáse continuidade á relación iniciada o ano pasado coa Escola de Tenis Marineda, que xa convidara ao Club de Ocio de FEAFES Coruña a participar en clases de iniciación e nun torneo inclusivo xunto a outras asociacións da comarca.
A través de actividades coma esta, FEAFES Galicia busca promover estilos de vida saudables motivando a práctica do deporte, ademais de impulsar actividades de ocio en contornas normalizadas, mellorar as habilidades sociais dos participantes e favorecer a súa integración na comunidade. 
Para completar a xornada, tras a clase de tenis do pasado 8 de abril, os membros do Club de Ocio de FEAFES Coruña gozaron dun xantar de convivencia no restaurante da Escola de Tenis Marineda.