Creamos 5 grupos de posvención en Galicia para ofrecer apoio ás persoas en loito por unha perda por suicidio.
O loito por suicidio dun ser querido ten repercusións devastadoras tanto físicas como emocionais. A persoa atópase con vivencias que asustan pola súa intensidade e que a desbordan. Estas situacións son difíciles de afrontar sen axuda profesional.
Por iso, desde o programa “Conecta coa vida“, financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia, creamos 5 grupos de posvención en toda Galicia. Nestes grupos ofrecemos apoio ás persoas que se atopan en situación de loito dunha perda por suicidio.
Formaranse grupos en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Ofreceremos apoio a un total de 15-20 persoas. Os grupos estarán dirixidos por dúas persoas profesionais na atención ao suicidio e estarán formados por un máximo de 5 persoas usuarias. Haberá de 6 a 8 sesións de dúas horas caada unha de forma mensual. Nestas sesións intentarase dotar ás persoas das ferramentas necesarias para afrontar o día a día, mentres comparten un espazo seguro con outras persoas que están a vivir a mesma situación.
Os grupos estarán activos desde decembro de 2024 ata xullo de 2025.
Un espazo de apoio mutuo
O loito por unha perda por suicidio ten un alto risco de volverse complexo, persistente e complicado; xa que vai acompañado do trauma e do estrés. As persoas que o sofren presentan un dobre risco de desenvolver depresión e ansiedade e catro veces máis risco de padecer un trastorno de estrés postraumático que o resto da poboación.
Os grupos de posvención ofrecen un espazo seguro onde compartir a perda con outras persoas que están a pasar pola mesma situación. Así poderán sentirse comprendidas ao mesmo tempo que reciben orientación e asesoramento para afrontar esta perda do mellor xeito posible.
O Nadal é unha época especialmente delicada para as persoas que perderon a un ser querido. Nestes momentos é habitual que apareza certa sensación de culpa fronte a perspectiva dunha celebración ou xuntanza. Adoita ser unha época tamén de maior desgana e baixón emocional. Por iso é especialmente importante que estas persoas reciban apoio e o respaldo que precisan para afrontar estas datas tan complicadas.