Inserta Empleo, entidade da Fundación Once para a formación e o emprego das persoas con discapacidade, en colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia e a cofinanciación do Fondo Social Europeo, favorecen a inserción laboral de 12 persoas.
O emprego é un dos piares fundamentais para a inclusión das persoas con problemas de saúde mental. Permítelles desfacerse do rol de persoa enferma e adquirir o rol de persoa traballadora. Ademais, favorece a súa integración e o seu sentimento de colaborar non tecido da sociedade.
Este mes, pechamos outro ano do Proxecto de inserción laboral de persoas con discapacidade no mercado de traballo ordinario mediante fórmulas de emprego con apoio e apoio ó emprego, que busca favorecer a inserción laboral de 12 persoas con certificado de discapacidade psicosocial en función das necesidades que se detectan en Galicia.
Este proxecto que executa Inserta Empleo, coa colaboración de Saúde Mental FEAFES Galicia, está enmarcado no programa operativo de Inclusión Social e Economía Social; cofinanciados polo Fondo Social Europeo en Galicia.
Grazas a esta iniciativa, durante este ano ambas entidades lograron a inserción, durante polo menos 2 meses, de 5 persoas en Ourense, 3 en Lugo, 2 en Santiago e 2 en Vigo. Destas 12 insercións, 4 foron mulleres e 8 homes. Os postos que desenvolveron foron de limpeza, almacén, reparto, clasificación e axuda a domicilio.
Debemos destacar que estas insercións non terían sido posibles sen a colaboración das empresas participantes: Testil Lonia, Limpezas Caneiro e Limpezas Ramiro en Ourense; Correos e PUBLI.3 en Santiago; Acciona Facility Services e Saluver en Vigo; e LACERA e EULEN en Lugo.
Acompañamento antes e durante o emprego
Co Proxecto de Inserción laboral de persoas con discapacidade Inserta Empleo, Saúde Mental FEAFES Galicia presta apoio ás persoas que participan non só durante a búsqueda de emprego, senón que despois, durante a inserción, manteñen unha comunicación coa persoa empregada e a persoa empregadora para favorecer o mantemento do posto de traballo.
No caso de emprego con apoio, o proceso lévase a cabo coa intervención dun tutor/a que traballa individualmente a evaluación das competencias profesionais das persoas beneficiarias. Faino en base a unha vaolración adaptada á persoas con discapacidade, e o desenvolvemento dos seus puntos de mellora. Tamén se conta coa intervención dun preparador/a laboral, que realiza a asistencia específica de acompañamento a través de técnicas adaptadas e achegamento ó entorno laboral.
No caso de apoio ó emprego e coa finalidade de proporcionar a inserción de colectivos específicos con especial dificultade, lévanse a cabo servizos de tutorización, mentoring, proxectos como lanzadeiras de emprego, e calquera acción que permita favorecer a inserción laboral e o mantemento do posto de traballo.
Superando a barreira do 17%
En Saúde Mental FEAFES Galicia apostamos por todo tipo de recursos que faciliten a inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental. E é que, os datos xerais indican que só o 17% deste colectivo accede a un emprego. Non obstante, a nosa experiencia confírmanos que, cando existe un servizo especializado detrás ofrecendo apoio, a inserción está preto do 50%.
Por iso son tan importantes programas como o Proxecto de inserción laboral de persoas con discapacodade no mercado de traballo ordinario mediante fórmulas de emprego con apoio e apoio ó emprego, que nos permiten seguir traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental.
Fundación ONCE – Inserta Empleo
Fundación ONCE é un instrumento de solidaridade da ONCE creado en 1988 para mellorar as condicións de vida doutros colectivos con discapacidade, mediante programas de inclusión laboral e formación, así como a difusión do concepto de accesibilidade universal, coa creación de entornos, produtos e servizos globalmente accesibles.
Inserta Empleo é a entidade de recursos humanos de Fundación ONCE expertas na atención ás persoas con discapacidade e centra a súa actividade en mellorar a súa formación e conseguir a súa inclusión no mercado laboral. Conta cunha experiencia de máis de 25 anos e un equipo de expertos en orientación e intermediación, repartidos polas súas 45 oficinas en toda España. Axuda ás persoas con discapacidade a atopar emprego, fórmaas se é necesrio, e ofrece ás empresas os mellores candidatos e candidatas para os postos que precisan cubirir. Todo isto sen coste algún.