Skip to main content

A Asociación Itínera celebra hoxe o primeiro acto conmemorativo dos seus dez anos de historia traballando pola saúde mental en Santiago. No acto, que terá lugar ás 19:30 no Centro Cultural de Afundación en Santiago (Rúa do Vilar), participarán o Subdirector Xeral de Voluntariado e Participación, Alberto Otero; a vicerreitora adxunta de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Mª del Carmen Segura; o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón; o coordinador de Itínera, Carlos Martínez Uzal; e Silvia Reiriz, membro da asociación.

Este evento servirá para arrincar unha serie de actividades que se levarán a cabo ó longo do ano coa fin de celebrar a década de vida desta asociación sen ánimo de lucro que, ó igual que FEAFES Galicia, traballa para a integración de persoas con enfermidade mental. O presidente de FEAFES Galicia aproveitará a súa intervención para falar sobre a evolución da saúde mental nos últimos dez anos e os cambios que se produciron ó longo deste tempo.

Itínera naceu en marzo do 2005 como unha sinerxía de experiencias de voluntariado levadas a cabo no Hospital Psiquiátrico de Conxo e o apoio dos voluntarios do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC. 

O obxectivo do seu traballo é ofrecer ás persoas con enfermidade mental oportunidades de acceso ó eido académico, cultural, ocupacional e de ocio dende unha perspectiva normalizadora e colaborando con entidades alleas ó ámbito hospitalario e psiquiatrizante.

Actualmente forman parte de Itínera 168 usuarios e 70 voluntarios que desenvolven actividades académicas e formación cultural complementaria coa finalidade de favorecer a participación social do colectivo, así como achegarlle a estas persoas a oferta de actividades dirixidas á poboación xeral. 

Ó longo da súa traxectoria, Itínera colaborou en numerosas ocasións con FEAFES Galicia, demostrando que ambas entidades camiñan nunha mesma dirección: a busca dunha mellor calidade de vida para as persoas con enfermidade mental.

aniversario itinera.JPG