Skip to main content
O Club do Mar de San Amaro foi, o pasado 2 de marzo, escenario do VII Campionato de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por FEAFES Galicia. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron seis entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.
Ao redor de 30 usuarios das asociacións Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Oroso), APEM (Cee e Vimianzo), FEAFES (Santiago), Lenda (Redondela) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón) trasladáronse ata A Coruña para gozar deste encontro. O torneo comezou pasadas las 10:00 da mañá e durante as seguintes horas sucedéronse unha serie de partidos que se xogaron simultaneamente en 8 mesas dispostas para a ocasión. 
Ao redor das 13:00 proclamábase campión Jaime Viqueira, pertencente á asociación Lenda de Redondela, non sen antes vivir unha final e unhas semifinais repletas de emoción. O adversario de Viqueira no partido final foi Manuel Bermúdez, da asociación APEM, que alcanzou o segundo posto. Tras el, Benjamín Nogueira de Lenda e Nicolás Rey de Saúde Mental Ferrol, lograron os terceiros postos da clasificación. 
Antes da entrega de premios, o presidente do Club do Mar de San Amaro, Ángel Garmendia, dedicou unhas motivadoras palabras a todos os xogadores. Xunto a el, o tesoureiro do Club do Mar, Eusebio Estrada, e o director do mesmo, Pablo Canosa, entregaron os trofeos aos gañadores e unha medalla a todos os participantes. A continuación, para concluír a xornada, celebrouse un xantar de convivencia no propio Club do Mar de San Amaro.
O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofren. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis normalizada do colectivo, combatendo de modo activo os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.