O xogador de Santiago alzouse co primeiro premio do XVII Torneo de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia coa colaboración do Club de Tenis de Mesa de Conxo e o Concello de Santiago de Compostela.
O venres 28 de xuño, Santiago foi escenario do XVII Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia. No encontro, levado a cabo coa colaboración do Club de Tenis de Mesa de Conxo e o Concello de Santiago, participaron 8 entidades de saúde mental de toda Galicia.
Máis de 50 xogadoras e xogadores de Alume, Avelaíña, Apem, Doa, A Creba, Lenda, Saúde Mental Ferrol e as delegacións de Vigo e Santiago de Saúde Mental FEAFES Galicia; trasladáronse ata Santiago para desfrutar desta xornada.
FEAFES Santiago recolle o primeiro premio e o segundo viaxa a Pontevedra
O torneo comezou sobre as 10h da mañá e daban ás 13h30 cando Jose Luis Barreiro, de Santiago, se alzou co primeiro posto. A final disputouna contra Mauro Bordallo, da asociación Avelaíña. Tras eles, Andrés Martín (FEAFES Vigo) e Jose Luis Melón (Doa); ocuparon os dous terceiros postos da clasificación.
Finalmente, na entrega de premios interviñeron Pilar Lueiro García concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e UMAD; Xosé Ramón Girón, presidente e Saúde Mental FEAFES Galicia, e Mario Otero, presidente do Club de Tenis de Mesa de Conxo.
Todas as persoas participantes recibiron unha medalla para premiar a súa participación e a continuación do evento, desfrutaron dunha comida de convivencia.
Un torneo pola saúde mental
Este evento ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social. A través do campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia,
mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental. Desta forma combatemos activamente os estereotipos negativos que se asocian a estas persoas.
Por outra parte, as actividades de ocio e deporte que organizamos axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. As persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividades físicas desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socialízanse e intégranse na sociedade. E, a súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.