Skip to main content

Onte presentamos, xunto con Fundación MAPFRE e o Concello de Lugo, os resultados do programa social de emprego “Juntos Somos Capaces”

“Juntos Somos Capaces” é un Programa Social de Emprego dirixido a promover a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental. Onte, Fundación MAPFRE, Saúde Mental FEAFES Galicia e o Concello de Lugo, celebramos un evento no que presentamos os avances e logros desta iniciativa.

Durante o acto, destacouse que, desde os seus inicios en 2010, o proxecto facilitou oportunidades laborais a máis de 13.453 persoas en España, coa participación de 13.700 empresas, consolidándose coma unha referencia en inclusión sociolaboral.

 

Un 63% de inserción laboral

O acto, celebrado no Salón de Plenos do Concello de Lugo, contou coa presenza da tenente de Alcalde e concelleira de Cohesión Territorial, Dna. Ana González Abelleira, quen sinalou que: “este tipo de programas demostran que a diversidade enriquece ás empresas e a sociedade.” E asegurou que o Concello de Lugo seguirá colaborando con “iniciativas que rompan barreiras e fomenten a autonomía de colectivos vulnerables.”

Na súa intervención, D. José Manuel Castaño Fernández, representante da Fundación MAPFRE na zona, sinalou que “o noso proxecto non só xera emprego, senón que constrúe unha sociedade máis xusta. Cada contrato firmado é un paso cara a igualdade real.”

Pola súa parte, D. Manuel Fernández Prado, presidente de Alume e membro da Xunta Directiva de Saúde Mental FEAFES Galicia, revelou que, en 2024, 1.250 persoas foron atendidas polo noso servizo de emprego. Delas, o 63% estivo traballando. Isto supera, por moito, a media nacional de 17,55% (datos INE). Ademais, destacou que 173 desas persoas son de Lugo, o que evidencia o impacto local do programa.

“O traballo deume estabilidade e confianza”

Un dos momentos máis emotivos do acto foi o testemuño de D. Manuel López Rodríguez, participante do programa e que realizou prácticas na empresa CLECE. Na súa intervención, asegurou que “o traballo non só me deu estabilidade, senón tamén a confianza para sentirme parte activa da miña comunidade”.

Neste evento presentáronse tamén as axudas “Accedemos” de Fundación MAPFRE. Deseñadas para apoio a pymes, autónomos e entidade sociais con necesidade de contratar pero con falta de recursos. Posteriormente, representantes de Calfensa, Lacera e EcoLugo; empresas colaboradoras do “Juntos Somos Capaces”, compartiron as súas experiencias no programa.

Tras a proxección do vídeo “Proxecto Social de Emprego” de Fundación MAPFRE e o vídeo “Empréganos” de Saúde Mental FEAFES Galicia, o acto finalizou coa entrega de diplomas a participantes e empresas.