A Fundación La Caixa ven de conceder unha axuda para o proxecto “Emprego con apoio para persoas con enfermidade mental” presentado por FEAFES Galicia á convocatoria “Inserción sociolaboral” dentro do Programa de Axudas a Proxectos e Iniciativas 2013.
Esta mañá, o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, asinou con María Jesús García Piñeiro, directora da oficina 4876 de La Caixa situada na Rúa da Rosa en Santiago de Compostela, o convenio de colaboración que certifica esta axuda. Grazas a esta subvención, persoas con enfermidade mental da provincia da Coruña poderán beneficiarse deste proxecto que se desenvolverá ó longo do 2014.
O proxecto “Emprego con apoio para persoas con enfermidade mental” baséase en dous eixos: por un lado, a preparación previa para acceder a un traballo a través da realización de prácticas non laborais en empresas, e por outro lado, o Emprego con Apoio que garante tanto o acceso como o mantemento do posto de traballo.
A posibilidade de que persoas con enfermidade mental realicen prácticas en empresas ten, para FEAFES Galicia, un dobre valor: ás persoas con discapacidade permítelles aumentar o seu currículo e formarse nun posto real, e o empresario ten a oportunidade de formar a un traballador e avalialo antes de contratalo.
Por outra banda, o Emprego con Apoio orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo realizado por preparadores laborais especializados. FEAFES Galicia pretende deste xeito facilitar a adaptación social e laboral dos traballadores con enfermidade mental, superando as súas dificultades para insertarse no mercado laboral ordinario e buscando a igualdade de condicións cos demais traballadores.
Este proxecto financiado pola Fundación La Caixa desenvolverase nas cidades de Santiago e A Coruña dende o 1 de Decembro de 2013 ata o 30 de Novembro do 2014.