Skip to main content

O 5 de xullo celebrouse unha nova edición do Torneo de Fútbol Sala “FEAFES polo fútbol” e a final da liga “A Nosa Champions”

O venres 5 de xullo ás 9h30 da mañá, o pavillón de Fontiñas en Santiago de Compostela xa comezaba a espertar coa chegada dos primeiros equipos participantes no XV Campionato de Fútbol Sala de Saúde Mental FEAFEAS Galicia. Este torneo é o cumio da liga “A Nosa Champions”, que aproveita tamén este evento para celebrar a súa gran final entre os dous líderes dos grupos norte e sur.

Ás 10h xogouse a final da liga “A Nosa Champions”, que realizamos coa colaboración da Real Federación Gallega de Fútbol e co patrocinio de Saunier Duval. Nesta final enfrontáronse os equipos de Lenda e Alba. O resultado foi un 6-4 a favor de Lenda que se alzou coa copa do campión.

Na entrega de premios, que facilitou a Federación Galega de Fútbol, participaron o Presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón; a delegada da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago, Silvia Cancela; eo representante de Saunier Duval, patrocinador da liga “A Nosa Champions”, Marcos Ordóñez.

Tras isto, Apem (A Coruña), Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Avelaíña (A Guarda, Ponteareas, A Cañiza e Baiona), FEAFES Vigo e FEAFES Santiago disputaron a fase de grupos do Torneo “FEAFES polo fútbol”.

Alba e Lenda enfróntanse na gran final

Despois de toda unha mañá de encontros clasificatorios, ás 12h45 chegaron as semifinais. Alba resultou gañadora do primeiro encontro da fase de semis fronte ó equipo de FEAFES Vigo. No segundo encontro, a asociación Lenda conseguiu o pase á final cun resultado de 7-4 fronte Avelaíña.

Ás 13h45 comezaba a esperada final. Alba e Lenda ofreceron un espectáculo de calidade, nun encontro moi axustado que rematou co marcador a favor do conxunto de Redondela. O equipo de Lendaa alzouse co primeiro posto deste XV Torneo de Fútbol Sala “Todos polo fútbol”.

 

A entrega de premios, facilitados polo Concello de Santiago de Compostela, correou da man do presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, a Concelleira de Deportes, Pilar Lueiro; e Jaime Figueroa, membro da xunta directiva de Saúde Mental FEAFES Galicia.

Os catro equipos que encabezaron a clasificación recibiron un trofeo como recoñecemento. Ademais destes galardóns, todos os xogadores recibiron unha medalla pola súa participación.

Rematada a xornada, tan só nos queda agradecer a asistencia e boa disposición de todos os equipos participantes, así como das estupendas afeccións que animaron o campionato durante todo o día.

 

Un evento integrador e normalizador

Tanto esta xornada como a liga, organizada polo servizo de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, teñen como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofren. A través desta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións amosan á sociedade unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas.

As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

 

Coa colaboración de: