Skip to main content
A asociación redondelana de saúde mental, Lenda, recibiu o pasado 22 de setembro a “Medalla de Bronce ao Mérito Social Penal” na prisión de A Lama, coincidindo coa celebración do Día da Mercé.
A “Medalla ao Mérito Social Penal” outórgase por resolución da Secretaría Xeral de Institucións Penais a entidades colaboradoras na reinserción de persoas privadas de liberdade, así como á contribución á mellora da actividade penal.
Lenda colabora con esta institución desde o ano 2009, a través do Programa de Atención Integral a Enfermos Mentais (PAIEM) cuxos obxectivos se basean en conseguir unha mellora na calidade de vida e na reinserción social de persoas en privación de liberdade e con problemas de saúde mental.
A asociación lembra que “a porcentaxe de persoas con enfermidade mental en prisións é moito máis elevada que na poboación en xeral” e o seu tratamento é difícil porque os trastornos adoitan estar asociados ao consumo de drogas. Para mellorar o PAIEM, Lenda demanda a presenza dun psiquiatra na enfermería da Lama.