Skip to main content

O programa Incorpora, financiado pola Obra Social “la Caixa”, dedícase a fomentar a integración laboral de colectivos con dificultades de acceso ó traballo, entre eles persoas con enfermidade mental. O pasado venres 11 de xullo, Leroy Merlin e FEAFES Galicia asinaron un convenio no marco deste programa a través do cal a empresa de bricolaxe comprométese a colaborar na inserción laboral do noso colectivo.

A través do programa Incorpora de “la Caixa”, distintas entidades galegas traballan para potenciar as posibilidades de acceso ó mercado laboral de certas persoas que, polos seus condicionantes sociais ou por ter algunha discapacidade, atópanse con máis dificultades que o resto da poboación para lograr un posto de traballo.

Neste senso, Leroy Merlin demostra que entende a economía e a xestión empresarial dun modo máis social e humano, achegando á sociedade un xeito de facer empresa respectuoso coas persoas e co seu entorno social. Na súa relación con FEAFES Galicia, Leroy Merlin sempre demostrou un gran compromiso e concienciación co traballo que desempeña a entidade, involucrándose e colaborando no seu labor integrador.

No marco deste convenio, un usuario de FEAFES Galicia comezará esta semana a realizar prácticas non laborais nesta empresa no posto de caixeiro de información. Mediante estas prácticas, o usuario pode familiarizarse co entorno laboral e adquirir habilidades para desenvolverse nel; pola súa parte, o empresario pode formar e avaliar a un demandante de emprego no desempeño dun posto concreto, aumentando así as posibilidades de contratación posterior.

Coa sinatura deste convenio, FEAFES Galicia da un impulso máis a un programa co que xa logrou 30 insercións laborais de persoas con enfermidade mental no que vai de ano, tendo visitado 86 empresas e asinado convenios de colaboración con 5 delas.

convenio leroy merlin.jpg