A través do programa Senda pola Saúde Mental, que conta coa financiación de Fundación “la Caixa”, atendemos a 35 persoas con problemas de saúde mental e 16 familias en concellos rurais de Ourense e Pontevedra.
Este xoves 30 de outubro, o Centro de Interpretación de Bande acolleu o acto de peche do terceiro ano de traballo do programa Senda Pola Saúde Mental, un proxecto financiado por Fundación “la Caixa” e desenvolvido por Saúde Mental FEAFES Galicia que dá resposta ás necesidades de atención, apoio e acompañamento que teñen as persoas con problemas de saúde mental nas zonas rurais, concretamente nas comarcas ourensás da Baixa Limia, Terras de Celanova, Terra de Trives e Viana, e, dende este ano como novidade, tamén nas comarcas pontevedresas de Deza, Tabeirós e Caldas.
Tras unha visita polas instalacións do Centro de Interpretación, o acto deu comezo ás 11:30 da man de Antonio Hernández Fernández, director de Saúde Mental FEAFES Galicia, e contou coa presencia de representantes de distintos concellos nos que se leva a cabo o programa.
Teresa Barge Dapía, concelleira de Igualdade e Integración Social de Celanova, falou da invisibilidade dos problemas de saúde mental e como estes se trivializan ao non ser facilmente perceptibles, sendo necesarios moitos máis apoios e recursos dada a amplitude do problema. Israel León Rodríguez, tenente de alcalde de Muíños, reafirmou as palabras da súa compañeira insistindo nas dificultades que están a atravesar moitas persoas sen que sexan visibles. Pola súa banda, Sandra Quintas Vázquez, alcaldesa de Bande, deu por inaugurado o acto poñendo en valor ás traballadoras sociais do rural e incidindo na relevancia da súa labor nunha contorna como a que nos ocupa.
“Os apoios recibidos aportáronme calma para solucionar os problemas”
Tras as intervencións dos representantes institucionais, realizouse unha mesa redonda na que participaron Félix Alonso e Eva Varela, profesionais de Saúde Mental FEAFES Galicia; Ana Isabel Varela, traballadora social de Bande, Lobeira e Entrimo; e dúas usuarias beneficiarias do programa. Neste coloquio, as cinco persoas contaron, dende os seus distintos papeis no programa Senda Pola Saúde Mental, en que consiste este proxecto e que vantaxes aporta ás persoas con problemas de saúde mental que se benefician del.
Félix e Eva destacaron de Senda pola Saúde Mental que é unha iniciativa que achega os apoios ás persoas e que esixe unha coordinación moi estreita cos recursos da zona. “O feito de actuar no contexto das persoas, onde desenvolven o seu día a día, redunda nun mellor coñecemento da súa realidade e necesidades. Isto tamén permite adaptar os apoios e a intervención ás situacións particulares de cada persoa”, aseguraron.
Ana Isabel, pola súa banda, agradeceu o esforzo de Saúde Mental FEAFES Galicia por achegarse á contorna das persoas que se atopan en lugares máis afastados e deu valor ás accións que se realizan con elas. “As nosas intervencións son pequenas, pero teñen un gran impacto nas persoas”, recoñeceu.
Tampouco faltaron as voces en primeira persoa. Elisa, beneficiaria de Senda pola Saúde Mental en Bande, expresou que “os apoios recibidos a través deste programa apórtanme calma á hora de solucionar os problemas. Xa non teño que desprazarme e iso me facilita a resolución dos trámites que teño que facer, ademais de recibir orientación e calma psicolóxica”.
Cristina, pola súa banda, participa no programa en Lalín e contou como cambiou a súa situación dende entón: “Sentíame vulnerable e desorientada a causa dunha situación económica grave e non sabía que facer ou a onde dirixirme. Para min supuxo sentirme escoitada e valorada, porque ás veces parece que as persoas coma nós somos invisibles”, declarou.
A saúde mental no rural, unha realidade desatendida
A realidade xeográfica de Galicia provoca que existan territorios rurais afastados nos que o acceso e a conexión aos servizos é moi limitada ou inexistente. Isto implica un gran problema para as persoas con problemas de saúde mental que viven nestas zonas, tanto por estar alonxadas dos servicios de apoio como pola soidade que sofren na maioría dos casos.
Por iso, desde xullo de 2022, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o programa Senda Pola Saúde Mental en colaboración coa Fundación “la Caixa”. O seu obxectivo é prestar apoio e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental que residen nas zonas rurais, traballando en rede cos recursos e profesionais implicados no proceso individual de cada unha delas. Este traballo implica un achegamento do persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia ás zonas nas que residen estas persoas, podendo atendelas así na súa contorna.
Neste terceiro ano de implantación do programa, aumentamos as nosas zonas de actuación. Traballouse con 35 persoas en concellos ourensás da Baixa Limia (Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños), en Terras de Celanova (A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea), en Terra de Trives (Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives e San Xoan de Río) e en Viana (A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso). Este ano, ademais, incorporáronse ao programa concellos pontevedreses de Deza (Silleda, Vila de Cruces, A Golada, Rodeiro, Dozón e Lalín), Tabeirós – Terra de Montes (A Estrada, Figueiroa de Arriba, Forcarei, Soutelo de Montes, Berres, Os Bolos, Godoi-Carricova e Fondevila, Renda e Traspedra) e Caldas (Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga).
Co programa Senda Pola Saúde Mental avanzamos no obxectivo de achegar os recursos e servizos ás persoas que viven en núcleos de poboación afastados, ofrecerlles atención individualizada e defender o uso efectivo dos dereitos tanto das persoas participantes como das súas familias e persoas achegadas. Tamén facilita a implicación das usuarias e usuarios coa súa contorna, mellorando a súa vinculación inclusiva, positiva e activa na comunidade.
Coa colaboración de:
![]()

