Saúde Mental FEAFES Galicia acompaña a 66 persoas con problemas de saúde mental e en grave risco de exclusión social grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.
Raymond ten 41 anos e leva algo máis dun ano residindo nun dos pisos de transición que desde Saúde Mental FEAFES Galicia xestionamos en Santiago de Compostela, grazas ao Concello, no marco do “Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión”.
As persoas que viven na rúa son propensas a ter un problema de saúde mental. As que chegan a esa situación sen ter unha problemática psíquica teñen moitas posibilidades de ver deteriorada a súa saúde mental, e as que xa tiñan algún problema desta índole, pódeno ver agravado.
Esta era a situación de Raymond cando o ceñecimos. “Prefiro non pensar niso”, cóntanos, “ogallá tivese pedido axuda antes”. Agora asegura que grazas a este programa a súa situación mellorou considerablemente: “Levo un ano sentíndome tranquilo, sen consumir, sen ansiedade, sen angustia.”
“O peor foi sentirse só, illado e perder o meu fogar”
Pasar dunha situación de exclusión social a unha de inclusión non é sinxelo, e require dun largo período de tempo. Raymond asegura que o máis duro foi perder o seu fogar e a sensación de soidade e illamento que experimentou.
Ademais, Raymond afrontaba un problema de saúde mental que non estaba sendo atendido. “Recibira un diagnóstico hai anos, pero era diferente ao que teño agora”. Ademais, pasou por situacións de exclusión e estigma que lle impediron recibir o apoio que precisaba: “tiven malas experiencias no pasado por iso cando as traballadoras do Concello viñan a ofrecerme axuda, eu negábame”.
Pero hai algo máis dun ano entrou a vivir no piso de transición que xestionamos en Santiago. Recoñece que aquí está tranquilo e iso xa é moito. “Vou a obradoiros de cerámica, escoito audiolibros, fago ioga, saio a camiñar e limpo todos os días.”
A xestión destes pisos é parte do noso “Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión”, financiado polo Concello de Santiago. O ano pasado atendemos a 66 persoas (46 homes e 20 mulleres) no marco deste programa, das cales 6 (3 mulleres e 3homes) pasaron polos pisos de transición que xestionamos na cidade.
Con este programa buscamos favorecer a integración e a vinculación deste colectivo aos recursos normalizados, poñendo en marcha as accións e servizos oportunos axustados ás súas necesidades básicas. “O que quero é atopar unha vivenda e poñerme ben para traballar. Superar os meus medos e manter a abstinencia”, afirma Raymond.
Acompañamento integral e centrado na persoa para saír da exclusión
No “Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión”, valoramos as necesidades de cada persoa usuaria para ofrecerlles a atención e os recursos que precisan.
“O primeiro que se debe garantir é a cobertura das necesidades básicas para poder traballar na recuperación”, expícanos Mayca Heredia, técnica de atención integral de Saúde Mental FEAFES Galicia. “As persoas precisan primeiro un lugar seguro, estable e predicible onde vivir”. Mayca indícanos que, ademais, é fundamental realizar un acompañamento integral en todas as áreas da persoa: “empregamos un enfoque centrado na persoa, respectando os seus tempos, reconstruíndo a súa autonomía, a súa rede social e vinculándoa cos recursos comunitarios”.
Cando Raymond entrou no programa, recibiu unha avaliación inicial grazas á que se estableceu o itinerario a seguir no seu caso e derivóuselle ao servizo do proxecto que precisaba. Ademais da vivenda de transición na que el está, tamén ofrecemos información e orientación, asesoría xurídica, ocio, emprego, etc. Os itinerarios e plans de traballo que se crean establécense de forma consensuada entre o equipo de traballadoras e traballadores e as persoas usuarias.
“Dentro do programa atendemos a persoas de entre 18 e 65 anos, con diagnósticos de saúde mental graves e persistentes que se atopan en situación de sinfogarismo”, explica Mayca. Engade que son persoas cun alto grao de illamento social, que non teñen redes de apoio e que, en moitos casos, teñen unha longa traxectoria de exclusión social e patoloxía dual.
Traballamos en rede para garantir unha intervención coherente e un soporte comunitario sólido
Nesta iniciativa apoiamos ao equipo que traballa na rúa e nos pisos de transición na detección de persoas que, como Raymond, presentan síntomas de enfermidade mental e non teñen un diagnóstico ou non teñen un tratamento. Procuramos establecer unha relación sólida entre a persoa e os recursos sanitarios que precisa. “O traballo en rede é imprescindible”, asegura Mayca, “ningunha entidade pode resolver a exclusión por si soa. As coordinacións entre organismos e entidades garanten unha intervención coherente, evita a duplicidade de recursos e asegura que a persoa teña un soporte comunitario sólido e continuado”.
Do mesmo xeito, prestamos apoio cando se producen situacións de crise, asesoramos ós equipos cos que traballamos en rede e apoiamos ás persoas usuarias que residen nos pisos de transición para que poidan cumprir cos obxectivos marcados no seu itinerario personalizado de inclusión.
Todas estas accións realizámolas en coordinación coas entidades implicadas na atención de cada persoa, como son outras entidades, servizos sociais, EVO, FUNGA, organismos de saúde e de saúde mental, administración pública etc. Para crear unha rede sólida que permita ás persoas con problemas de saúde mental en grave risco de exclusión mellorar a súa calidade de vida.
Os pisos de transición. Un recurso temporal para mellorar a autonomía
Os pisos de transición que xestionamos na cidade e no que participa Raymond, son recursos residenciais temporais deseñados para servir de ponte entre a situación de exclusión ou rúa e a vida autónoma.
“Acollemos un número reducido de persoas para garantir un entorno acolledor, familiar e supervisado”, explícanos Mayca. Actualmente temos un piso para homes, que conta con tres prazas e outro para mulleres, que ten dúas prazas. “As usuarias e usuarios comparten espazos comúns e responsabilidades domésticas”, Mayca indica que, co apoio do equipo técnico, traballan rutinas diarias, a convivencia, a xestión económica, a xestión do fogar e o autocoidado.
Asegura que a estancia nestes pisos de transición proporciónalles ás persoas usuarias seguridade e estabilidade nun espazo protexido para iniciar a súa recuperación. Ademais, facilita a adherencia ao tratamento e o autocoidado mediante a vinculación cos servizos de saúde mental. Do mesmo xeito, proporciona o espazo ideal para a recuperación de habilidades e tamén para recuperar a dignidade e autoestima, xa que axuda ás persoas participantes a manter o control sobre a súa propia vida e a sentirse parte da sociedade.
O recurso é temporal pero está adaptado aos rimos individuais de cada persoa. “A estancia varía entre varios meses ata un máximo de dous anos, aínda que a media da estancia é de 9 meses”, sinálanos Mayca.
Unha vez acadados os obxectivos marcados para a estancia na vivenda, deséñase un plan de saída de cara a alternativas máis definitivas segundo os intereses e necesidades de cada persoa. “Miramos a posibilidade de vivendas de alugueiro compartidas, recursos residenciais con outro nivel de apoio ou o retorno á rede familiar se é posible”, explica Mayca e sinala que, ademais, o programa mantén un seguimento posterior indeterminado para evitar volver á exclusión.
Eliminar o estigma para favorecer a inclusión
Como sociedade, podemos aportar moito para mellorar a situación das persoas que están en situación de exclusión ou senfogarismo.
“O primeiro que podemos facer é desestigmantizar e humanizar”, indica Mayca Heredia, “deixar de percibir o senfogarismo como un fracaso individual ou unha elección e entendelo como unha vulneración dos dereitos humanos derivada de fallos do sistema”.
Mayca indica que unha das principais barreiras que atopan as persoas usuarias do “Programa de atención a persoas con enfermidade mental crónica, sen fogar ou en risco de exclusión” é o dobre estigma. “O de vivir na rúa e o de ter un problema de saúde mental”, e engade que isto se agrava se ademais a persoa ten discapacidade, é de orixe extranxeiro ou de idade avanzada. “Debemos cambiar a mirada e entender que son situacións complexas que lle poden pasar a calquera”, sinala.
Do mesmo xeito, Mayca indica que podemos axudar a garantir o acceso á vivenda. Apoiando políticas públicas que promovan a vivenda protexida e regulen o alugueiro. “A todas as persoas nos afectan a subidas de prezos do alugueiro”, comenta, “e este colectivo é quen máis o sofre”.
Finalmente, sinala que é importante tamén fomentar contornos comunitarios inclusivos. “A inclusión real faise no día a día nos barrios”, asegura Mayca, “a veciñanza, os comercios e as entidades locais xogan un papel chave cando acollen ás persoas sen prexuízos e favorecen o seu sentimento de pertenza”.
Coa colaboración de:

