Skip to main content
O pasado venres 25 de febreiro, Limpezas Caneiro asinou un convenio de colaboración en Ourense con Saúde Mental FEAFES Galicia coa fin de impulsar proxectos encamiñados a fomentar a integración sociolaboral de persoas con dificultades de acceso ao emprego.
A través desta colaboración, que se realizou no marco do programa Incorpora da Fundación “la Caixa”, ambas entidades comprométense a cooperar na promoción da contratación laboral de persoas con problemas de saúde mental, así como promover a Responsabilidade Social Empresarial. Na sinatura do convenio estiveron presentes Antonio Caneiro Núñez, xerente de Limpezas Caneiro, e Laura Balboa Álvarez, técnica do programa Incorpora en Ourense.
Desde o ano 2006, a Fundación “la Caixa” fomenta, a través do programa Incorpora, o acceso ao mundo laboral de persoas en situación ou risco de exclusión, como persoas paradas de longa duración, persoas ex reclusas, mozos e mozas en situación de vulnerabilidade, inmigrantes, vítimas de violencia de xénero ou persoas con problemas de saúde mental, entre outros colectivos.
Co obxectivo principal de tender pontes entre as empresas e as entidades sociais que se dedican á integración laboral, o programa Incorpora da Fundación “la Caixa” favorece un clima de entendemento e colaboración entre ambas partes que redunda en oportunidades para quen máis as necesitan, contando sempre co seguimento e acompañamento do persoal técnico de inserción laboral durante todo o proceso de busca de emprego, incorporación a un posto de traballo e o futuro mantemento do mesmo.