A asociación Avelaíña e Saúde Mental FEAFES Galicia, teñen en marcha o programa Liña Curmáns para acompañar ás persoas con problemas de saúde mental.

Desde xaneiro ata decembro deste ano, en Saúde Mental FEAFES Galicia e a asociación Avelaíña levamos a cabo o programa “Liña Curmáns”. Este programa é  unha iniciativa de interese xeral para fins de carácter social a cargo da asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade.

O seu obxectivo é formar asistentes persoais especializados en saúde mental e, ao mesmo tempo, prestar un servizo de acompañamento individualizado a persoas con problemas de saúde mental. Todo isto garantindo unha intervención continuada, flexible e centrada na autonomía, na inclusión social e no benestar das persoas con problemas de saúde mental.

Formación para un mellor acompañamento

Dentro do programa “Liña Curmáns”, realizarase unha formación en asistencia persoal que comeza no mes de setembro. Esta formación está dirixida principalmente a persoas vencelladas ao movemento asociativo e a persoas con experiencia propia en saúde mental. Nela, abordaranse contidos chave como o enfoque de dereitos humanos, a vida independente, o deseño de proxectos de vida, o marco normativo, a inclusión comunitaria, o apoio entre iguais e a perspectiva de xénero. O obxectivo é cualificar perfís profesionais capaces de ofrecer un apoio centrado na persoa e orientado á recuperación.

Paralelamente, desenvolverase o servizo de asistencia persoal. Este servizo artéllase mediante itinerarios individualizados adaptados ás necesidades de cada persoa usuaria. Para iso, realízase unha avaliación inicial e deséñase un proxecto de vida. A partir de aí, establécense as accións de apoio. Dentro destas accións están os acompañamentos no domicilio e na comunidade, apoio en xestións administrativas, asistencia a citas médicas e sociais e o desenvolvemento de habilidades sociais e da vida diaria.

Avaliación continua e traballo en rede

Para asegurar o correcto funcionamento do programa, realizarase tamén un seguimento continuo baseado en revisións periódicas coas persoas usuarias. Deste xeito poderemos axustar as intervencións e garantir que se responda ás necesidades de cada participante. Así mesmo, haberá unha coordinación activa cos servizos sociais e sanitarios. Isto permitirá facilitar derivacións e a elaboración de informes compartidos que melloran a atención integral.

Ademais, co fin de garantir a accesibilidade ao servizo, facilitarase o uso de medios telemáticos. Isto permitirá achegar o programa ás persoas que vivan en contornas rurais ou que teñan dificultades para a asistencia presencial.

O programa “Liña Curmáns” permítenos seguir traballando para mellorar o benestar, a inclusión social e a autonomía das persoas con problemas de saúde mental.

O programa Liña Curmáns  é posible grazas á xente que marcou a opción de “Fins sociais” na súa declaración da renda. Isto permite destinar un 0,7% dos seus impostos a realizar programas de organización de acción social.

Share