As persoas con problemas de saúde mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria, pero dentro deste colectivo, as mulleres atópanse aínda máis desprotexidas xa que sofren unha tripla discriminación: o estigma asociado ás enfermidades mentais, o rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental e a discriminación que implica ser muller na sociedade actual.
Isto xera unha serie de obstáculos aos que se enfrontan as mulleres con problemas de saúde mental no seu día a día: o prexuízo social, obstáculos no ámbito laboral, dificultades para exercer a maternidade, violencia de xénero, etc.
Para facer fronte a esta realidade, FEAFES Galicia desenvolve o Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A través deste programa, as mulleres con problemas de saúde mental reciben información e asesoramento personalizados, realizan accións formativas e teñen acceso a outros recursos de utilidade.
No marco deste proxecto, as próximas semanas desenvolveranse en Santiago de Compostela tres talleres dirixidos a mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental. O martes 4 de xullo, o Centro Sociocultural do Ensanche acollerá a sesión “Autoestima e autocoidados”; o 11 de xullo desenvolverase o taller “Prevención de malos tratos e Escapp” e o 18 de xullo abordarase a “Afectividade e sexualidade”, impartido este último pola plataforma Quérote+.
Ao longo destas tres xornadas, fomentarase a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da discriminación que sofren as mulleres con problemas de saúde mental no ámbito persoal, social e laboral. Para iso, cada unha delas recibirá unha atención personalizada e especializada, co obxectivo de favorecer a súa inserción real e plena na sociedade.
