Skip to main content
O 28 de xaneiro, a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitou as instalacións da Unidade Residencial que ten a asociación A Mariña en Cervo. Trátase da única residencia da provincia de Lugo destinada a persoas con enfermidade mental, que conta con 25 prazas para persoas de entre 18 e 65 anos.
Durante a visita da Secretaria Xeral, os membros de A Mariña leron un manifesto sobre saúde mental e igualdade de xénero para chamar a atención sobre a enorme discriminación que sofren as mulleres que padecen unha enfermidade mental. 
A continuación, os usuarios e usuarias da asociación representaron a obra teatral “O cazo de Sabela”, que trata de sensibilizar sobre a necesidade de atención e integración que precisan as persoas que teñen algún trastorno deste tipo. Por último, a visita rematou cuns aperitivos nos que se puido falar de xeito máis distendido sobre os temas que preocupan á asociación en material de igualdade.
Os datos indican que unha de cada catro persoas teñen risco de padecer algún problema de saúde mental, e no caso das mulleres iso supón convivir cun dobre estigma e con maiores discriminacións. A Mariña considera imprescindible incorporar a perspectiva de xénero no traballo en saúde mental, posto que non se pode mirar cara outro lado ante esta realidade.
A Directora Técnica Xeral da asociación, María José Nóvoa, agradeceu de maneira moi especial a visita de Susana López Abella, indicando que foi un pracer compartir unha xornada cunha persoa tan comprometida onde a cercanía, a accesibilidade e a empatía estiveron sempre presentes.