Skip to main content

O Servizo de Emprego e Formación para persoas con problemas de saúde mental, financiado polo concello de Lugo, beneficiou a 155 persoas demandantes de emprego ó longo de 2023.

O traballo é un piar fundamental para o desenvolvemento persoal e a consecución dunha vida independente e plena a todos os efectos. Pero as persoas con problemas de saúde mental atopan grandes dificultades para acceder ao emprego.

Nesta liña, lévase a cabo o Servizo de Emprego e Formación para persoas con enfermidade mental coa colaboración do Concello de Lugo. Neste proxecto búscase paliar os obstáculos cos que se atopan as persoas con problemas de saúde mental á hora de acceder ó mercado laboral.

Ademais de axudar na súa inserción laboral, procuramos tamén que esa inserción sexa duradeira e positiva tanto para a persoa traballadora como para a empresa. Para iso, faise un seguemento e un apoio á persoa usuaria durante o proceso.

Tamén sabemos que o apartado formativo é unha das necesidades primordiais á hora de buscar traballo. Por iso, ó longo do ano, realízanse talleres formativos que axudan a mellorar as opcións das persoas usuarias, reforzando as súas habilidades laborais.

Máis de 90 contratos de traballo

Grazas ó Servizo de Emprego e Formación financiado polo Concello de Lugo, levouse a cabo o servizo de intermediación laboral cun total de 72 empresas lucenses, e realizáronse convenios de colaboración 10 delas.

O número total de insercións durante o 2023 foi de 42, e firmáronse 93 contratos. Ademais, realizouse asesoramento con 155 persoas demandantes de emprego do Concello e 49 usuarias e usuarios participaron nas accións formativas deste ano.

 

 

Programa subvencionado por: