Saúde Mental FEAFES Galicia leva desde o 2003 ofrecendo un servizo gratuíto de Asesoría Xurídica para persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.
Iván Sanmartín, Cristina Rial e Rodrigo Blanco forman o equipo de Asesoría Xurídica de Saúde Mental FEAFES Galicia, un servizo que naceu no 2003 (grazas naquel momento ao apoio da Fundación Barrié) e que ofrece atención gratuíta ás persoas usuarias da nosa entidade.
En moitas ocasións, as persoas con problemas de saúde mental atopan obstáculos á hora de exercer os seus dereitos. A falta de información, o descoñecemento ou a complexidade dos trámites poden supoñer obstáculos para estas persoas e as súas familias. O noso equipo de Asesoría Xurídica trata de eliminar esas barreiras: “agás intervir en procesos xudiciais, realizamos un asesoramento integral en todas as materias”, explica Iván Sanmartín. “Orientamos en temas sociais, civís, penais e administrativos”, comenta, “e tamén axudamos a realizar trámites por escrito ante as Administracións ou entre particulares”.
Asuntos laborais e ciberestafas, os temas que máis preocupan ás persoas usuarias
Iván Sanmartín leva 15 anos ofrecendo apoio ás nosas usuarias e usuarios. Segundo nos conta, as consultas máis habituais están relacionadas coas prestacións públicas, as pensións de incapacidade, orfandade, fillos ou fillas a cargo… “pero a maior dificultade está á hora de atreverse a exercitar os seus dereitos en materia laboral”, aclara. Para as persoas con problemas de saúde mental, atopar un traballo non é doado e, segundo explica Iván, “moitas veces non reclaman cousas que lles pertencen por medo a perder o emprego e ter que buscar outro”.
Ademais do ámbito laboral, outra das situacións nas que máis ven vulnerados os seus dereitos as persoas con problemas de saúde mental é no relativo aos ingresos en centros de longa duración: “a persoa ingresada adoita pensar que é unha situación de por vida e non sempre ten por que ser así”, comenta o asesor xurídico.
Actualmente, cada vez son máis frecuentes as consultas por enganos ou estafas a través de telefonía ou da Internet. Iván sinala que atenden moitos casos deste tipo e que, moitas veces, cando se detecta a estafa, xa é moi tarde para remediala. Para intentar evitar os enganos, ademais de seguir ofrecendo asesoramento, o servizo de Asesoría Xurídica de Saúde Mental FEAFES Galicia elaborou un documento informativo sinxelo sobre este tema para entregar a todas as persoas usuarias e familiares que o precisen.
Asesoramos ás persoas usuarias, familias e profesionais
O servizo de Asesoría Xurídica tamén presta apoio e orientación ás familias das persoas usuarias. Moitas veñen acompañando a unha persoa con problemas de saúde mental, pero non son poucas nin poucos os familiares que acoden sos a pedir asesoramento.
Neste caso, as dúbidas máis frecuentes están relacionadas con cuestións hereditarias. A atención e o coidado das persoas con problemas de saúde mental recae maioritariamente nas familias, e estas “teñen temores e dúbidas sobre como deixar protexido ao seu ou á súa familiar cando elas falten”, asegura Iván.
Tanto Iván como Cristina e Rodrigo tamén atenden consultas que fan outros e outras profesionais sobre persoas ás que atenden. “Ás veces tamén nos consultan cando perciben que unha persoa pode estar desprotexida por causa da súa doenza”, comenta Iván, “e nestes casos coordínanse coas familias e con nós para iniciar procesos que faciliten que a persoa en cuestión teña recoñecidas as medidas de apoio que precisa”, engade.
Traballamos activamente na defensa dos dereitos
A maiores de atender consultas particulares, tanto Iván como o resto do equipo de Asesoría Xurídica realizan accións formativas dirixidas a persoas usuarias, familiares e profesionais do movemento asociativo.
Nestas sesión adoitan informar en profundidade sobre os temas de maior relevancia en cada momento: “No 2021, por exemplo, reformouse a lexislación sobre incapacitacións, polo que fixemos unha actividade formativa moi intensa ao longo dese ano”, comenta.
Iván Sanmartín, ademais, forma parte do Comité de Dereitos da Confederación SALUD MENTAL España, un órgano encargado de analizar a situación no Estado Español respecto dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental. Cada ano elabórase un informe explicativo e Iván achega as vulneracións que se detectan en Galicia. “Tamén analizamos proxectos normativos para achegar aos responsables políticos e impulsar así a mellora da defensa dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental”, engade.
Un servizo gratuíto e de fácil acceso
O servizo de Asesoría Xurídica é unha ferramenta para combater as vulneracións de dereitos que poden sufrir as persoas con problemas de saúde mental. “O máis importante”, sinala Iván, “é que tanto as persoas usuarias como as familias e os equipos profesionais do terceiro sector, coñezan estas vulneracións e se asesoren para tentar evitalas ou palialas na medida do posible”. Iván cre, ademais, que o feito de que o noso servizo sexa gratuíto e de fácil acceso “axuda moitas veces a detectalas a tempo e poder actuar”.
Para solicitar unha consulta co servizo de Asesoría Xurídica, as persoas usuarias deben explicarlle a situación ao seu ou á súa profesional de referencia de Saúde Mental FEAFES Galicia. No caso das asociacións federadas, o profesional ou a profesional que coñeza o caso debe poñerse en contacto coa delegación de Saúde Mental FEAFES Galicia que corresponda ao seu ámbito territorial.

