Saúde Mental FEAFES Galicia reforza a atención integral a mulleres cun problema de saúde mental grazas ao apoio da Xunta de Galicia.
Desde o 2010, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o programa de “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental”. Esta iniciativa realízase grazas á colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade, que confirmou a continuidade da subvención para o período 2025-2026.
O programa de “Atención Integral a Mulleres” busca fomentar a igualade de oportunidades e paliar as desvantaxes coas que se podan atopar as mulleres cun problema de saúde mental en situación de vulnerabilidade. Grazas a este proxecto, prestamos atención e apoio a 52 mulleres. Ofrecémoslles ferramentas e apoios que favorecen a súa autonomía, independencia e mellora persoal, social e laboral.
“Aprendín a quererme e a saber estar comigo mesma”
O programa de “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental”, articúlase a través dunha atención integral que responde ás distintas necesidades das participantes.
Clara (nome ficticio) chegou a Saúde Mental FEAFES Galicia nun momento de gran dificultade persoal: “Aquí aprendín a quererme e a saber estar comigo mesma”, asegura e continúa, “sei resolver mellor os problemas que van aparecendo”. Susana (nome ficticio) tamén destaca que participar no programa fortaleceu a súa autoestima: “Gañei seguridade en min mesma. Nótoo na relación cos demais”.
Paula (nome ficticio), asegura que chegou “perdida e con moita ansiedade”, pero que agora está “en paz consigo mesma e moi segura do que quere e do que non.”
Tanto ela como Clara e Susana, ao igual que o resto de participantes do programa, recibiron orientación e información sobre recursos sociais e apoio no seu proceso de integración social. Tamén lles ofrecemos atención psicolóxica e mediación intercultural e/ou familiar. As nosas participantes poden contar así mesmo cun servizo de asesoramento xurídico se o precisan.
Ao mesmo tempo, realizamos con elas actividades que axuden a mellorar a calidade de vida das participantes. “Animáronme a formarme e hoxe teño un traballo estable”, explícanos Clara. Nestas actividades procuramos que adquiran habilidades persoais e sociais, e tamén fomentar a mellora da súa empregabilidade. Finalmente, tamén lles ofrecemos apoio e orientación laboral, acompañamento na busca de emprego, intermediación e titorización profesional.
Pedir axuda. Un acto de fortaleza
As historias de Clara, Susana e Paula coinciden nunha mesma idea: o acompañamento profesional e o apoio emocional poden marcar unha diferenza decisiva nos procesos de recuperación e autonomía.
Susana anima á outras mulleres que poidan estar nunha situación similar a participar neste tipo de iniciativas: “Soa non se pode seguir adiante”, asegura. E Paula engade: “Pedir axuda non é un signo de debilidade, que se deixen axudar.”
Co programa “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental” reafirmamos o noso compromiso de seguir traballando para que a tripla discriminación que supón ser muller, con enfermidade mental e en situación de vulnerabilidade; non corte as posibilidades de futuro destas mulleres.
Coa colaboración de:

