O obxectivo deste programa, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, é mellorar a ocupabilidade e o acceso ao emprego por parte de persoas con problemas de saúde mental en situación de desemprego.
O Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025-2026 está a impulsar a empregabilidade de 100 persoas con problemas de saúde mental en toda Galicia, das cales máis de 50 conseguiron un ou varios contratos laborais. Estas insercións foron posibles, tamén, grazas á colaboración de empresas comprometidas co acceso ao emprego por parte das persoas coas que traballamos.
Ao longo do ano, no marco deste programa realizamos actividades de información e asesoramento individualizado, obradoiros de coaching, motivación para a procura de emprego, entrevistas, habilidades sociolaborais ou mobilidade laboral. Así mesmo, ofrecemos formacións que atenden ás necesidades individuais das persoas participantes e ás demandas dos sectores profesionais das empresas locais.
En total realizáronse 430h de formacións do catálogo do Servizo Público de Emprego como Primeiros Auxilios Físicos e Psicolóxicos na Empresa, Competencias Dixitais Básicas, e Limpeza de Superficies. Tamén ofrecemos máis de 110 horas de formación prelaboral orientada a dotar ás persoas participantes das habilidades e competencias precisas para achegarse ao mercado laboral.
Unha das principais novidades do Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025-2026 foi a formación en aplicacións prácticas da IA: uso da intelixencia artificial no proceso de busca activa de emprego. Estas formacións espertaron moito interese por parte das persoas participantes e resultaron moi satisfactorias para as mesmas.
Con todo isto, os resultados deste programa están sendo moi positivos, xa que ao longo dos últimos meses e segundo a nosa base de datos interna, máis do 50% das persoas participantes lograron un contrato laboral. Ademais, 31 persoas realizaron prácticas non laborais en empresas, o que lles permitiu adquirir coñecementos específicos do posto dentro do funcionamento habitual dunha empresa.
Para que as persoas participantes poidan acudir a estar formacións, dispoñemos dunha bolsa de axudas de 10€ diarios. Tamén temos establecidas medidas de conciliación para facilitar a asistencia, como a formación en formato híbrido (presencial e en liña).
A través do Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025-2026 búscase que as persoas participantes melloren as súas oportunidades de acceso ao emprego acadando, como mínimo, un 42% de inserción. Con esta iniciativa pretendemos brindar un apoio para que as persoas con problemas de saúde mental poidan alcanzar os seus obxectivos persoais e profesionais.
O apoio da Xunta de Galicia é fundamental para o desenvolvemento destes programas e para mellorar os resultados do noso traballo. Así demóstrase que, cando se realizan programas específicos con profesionais especializados/as, as taxas de inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental son moito maiores, podendo deste xeito seguir traballando para que logren alcanzar unha vida autónoma e digna.

