Skip to main content

O programa Mans con Mans busca mellorar a calidade de vida e o exercicio efectivo dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental.

No 2024, co apoio da Consellería de Sanidade, Saúde Mental FEAFES Galicia puxo en marcha o programa Mans con Mans. Con esta iniciativa, buscabamos proporcionar ás persoas usuarias da nosa entidade un apoio para exercer os seus dereitos e, ao mesmo tempo, promover a súa inclusión na comunidade.

O programa está dirixido non soamente ás persoas con problemas de saúde mental, senón tamén as súas familias e persoas de referencia. Traballamos de xeito coordinado para ofrecer servizos especializados de información, apoio, atención, asesoramento e orientación, adaptados ás necesidades específicas de cada persoa e familia.

 

Atendemos a máis de 400 persoas

No marco do programa Mans con Mans ofrecemos un servizo de apoio, asesoramento e atención en situación de crise ou nos primeiros episodios da enfermidade mental. Para facilitar o acceso a este servizo, incorporamos tamén un espazo de consultas na web e unha liña 900, dispoñible para proporcionar respostas rápidas cando fora preciso.

Tamén contamos cun servizo de asesoramento legal gratuíto para as persoas que teñen enfermidade mental e as súas familias. Así, proporcionamos orientación en asuntos como pensións, vulneracións de dereitos, trámites administrativos e temas laborais.

Fomentamos a inclusión comunitaria a través de actividades culturais, deportivas e de lecer que organizamos nos nosos clubes de ocio. A través destas actividades favorecemos tamén a mellora das súas habilidades sociais e a ampliación das súas redes de apoio.

Ademais, ofrecemos apoio ás familias e persoas achegadas a través de espazos de descanso e desconexión. Tamén axudamos a mellorar o seu entendemento da enfermidade a través de ferramentas e recursos.

Como resultado, máis de 400 persoas foron beneficiarias deste programa. 244 participaron en actividades de inclusión socio-comunitaria e benestar, 136 recibiron atención integral e 28 participaron en programas de formación e sensibilización.

 

Coa colaboración da: