Skip to main content
Na súa prestación de servizos ás persoas con problemas de saúde mental, familiares e persoas achegadas, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o proxecto Mans con Mans, financiado pola Consellería de Sanidade, que trata de favorecer a inclusión socio-comunitaria e o benestar do colectivo.
A este propósito, o programa conta cunha área de apoio e atención que cobre distintas necesidades, como o apoio emocional e psicolóxico ás persoas usuarias, información sobre a propia enfermidade ou orientación respecto a recursos comunitarios que poden resultar de interese. Ademais, infórmaselles sobre prestacións de diversos tipos ás que poden optar ou sobre os beneficios do certificado de minusvalía e dependencia, do mesmo xeito que se ofrece orientación laboral e asesoramento legal.
Así mesmo, ademais da atención presencial, Saúde Mental FEAFES Galicia conta tamén cun teléfono 900 gratuíto para aquelas persoas que precisen deste servizo de apoio, asesoramento e información de xeito telefónico. 
Por outra banda, o programa Mans con Mans contempla tamén unha área de ocio e inclusión social, cunha oferta de lecer atraente e variada onde as persoas usuarias poden participar por iniciativa propia. Neste eido, ofréceselles apoio para que tomen as súas propias decisións respecto ao seu tempo de lecer e á súa participación social, co obxecto de que lles resulte beneficioso e poidan desenvolver habilidades relacionais e comunicativas favorables á súa inclusión social.
Mans con Mans busca, en definitiva, contribuír á mellora da calidade de vida e ao exercicio efectivo dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental, das súas familias e persoas achegadas, ofrecendo para iso información e orientación en distintos eidos, favorecendo a súa participación socio-comunitaria e ofrecendo unha imaxe social do colectivo normalizada e integradora.