O xogador acada o primeiro premio do XVIII Torneo de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia coa colaboración do Clube Always Tenis de Mesa en Mos.
O venres 13 de decembro, Mos foi escenario do XVIII Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia. No encontro, levado a cabo coa colaboración de Club Always Tenis de Mesa, participaron varias entidades de salud mental de toda Galicia.
Máis de 30 xogadoras e xogadores de Alume, Avelaíña, Doa, Lenda e das delegacións de Vigo e Santiago de Saúde Mental FEAFES Glaicia; trasladáronse ata Mos para gozar desta xornadas
Un emocionado Marcos Traba recolle o primeiro prmeio e o segundo viaxa a Vigo con Diego Agís

O torneo comezou sobre as 10h da mañá e daban as 13h30 cando Marcos Traba alzouse co primeiro posto. A final disputouna contra Diego Agís, de Saúde Mental FEAFES Vigo, xa coñecido vencedor de torneos pasados. Tras eles, Francisco Moran (Avelaíña) e Jose Luis Sánchez (Saúde Mental FEAFES Santiago); ocuparon os dous terceiros postos da clasificación.
Finalmente, na entrega de premios interviñeron Xose Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Samuel Pereiro Costas, fundador de Always Tenis de Mesa, e Manuel Pereiro Pérez, árbitro nacional de tenis de mesa e socio do clube.
Todas as persoas participantes recibiron unha medalla para premiar a súa participación e a continuación do evento, gozaron dunha comida de convivencia. Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, queremos agradecer enormemente a colaboración, una ano máis, de Always Tenis de Mesa na organización deste torneo.
Un torneo pola saúde mental

Este evento ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social. A través do campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia, mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental. Desta forma combatemos activamente os estereotipos negativos que se asocian a estas persoas.
Por outra parte, as actividades de ocio e deporte que organizamos axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. As persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividades físicas desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socialízanse e intégranse na sociedade. E, a súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.





















