O xogador acada o primeiro premio do XIX Torneo de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e a asociación A Creba coa colaboración da Sociedade Liceo de Noia.
O venres 21 de marzo, Noia foi escenario do XIX Torneo de Tenis de Mesa pola saúde mental organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia e a asociación A Creba. No encontro, levado a cabo coa colaboración da Sociedade Liceo de Noia participaron varias entidades de saúde mental de toda Galicia.
Máis de 50 xogadoras e xogadores de A Creba, Alume, Andaina, Apem, Avelaíña, Doa, Saúde Mental Ferrol edas delegacións de Vigo e Santiago de Saúde Mental FEAFES Galicia; trasladáronse ata Noia para gozar desta xornada.
Marcos Traba recolle o primeiro premio e o segundo viaxa a Lugo con Salustiano Ribera

O torneo comezou sobre as 10h da mañá e daban as 13h30 cando Marcos Traba, da asociación Apem, se alzaba co primeiro posto. A disputada final xogouna contra Salustiano Ribera, de Alume. Tras eles, Daniel Agís e Francisco Brandán, de Saúde Mental FEAFES Vigo, ocuparon os dous terceiros postos da clasificación.
Finalmente, na entrega de premios interviñeron Xose Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Santiago Rodriguez, concelleiro de Deportes de Noia; Laura Salgado, concelleira de Xuventude de Noia; e Nacho Carnota, membro da Xunta Directiva da Sociedade Liceo de Noia.
Todas as persoas participantes recibiron unha medalla para premiar a súa participación e a continuación do evento, gozaron dunha comida de convivencia. Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, queremos agradecer enormemente a colaboración da Sociedade Liceo de Noia na organización deste torneo.
Un torneo pola saúde mental

Este evento ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social. A través do campionato, Saúde Mental FEAFES Galicia, mostra á sociedade unha imaxe normalizada da saúde mental. Desta forma combatemos activamente os estereotipos negativos que se asocian a estas persoas.
Por outra parte, as actividades de ocio e deporte que organizamos axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias. As persoas participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividades físicas desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socialízanse e intégranse na sociedade. E, a súa vez, estas actividades permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.
Coa colaboración de:














