100 persoas con problemas de saúde mental participarán este ano no Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025/26, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal.
Saúde Mental FEAFES Galicia pon en marcha un novo ano do Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025/26, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.
O obxectivo deste programa é mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral na comunidade autónoma de Galicia.
Este programa contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen accións individualizadas e grupais para facilitar a adquisición de habilidades laborais que favorezan a inserción laboral das persoas participantes.
Traballamos con 100 persoas con algún problema de saúde mental en toda Galicia
O programa comezou o 27 de outubro de 2025 e rematará o 26 de outubro de 2026. Desenvólvese en Pontevedra, Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Nel participarán 100 persoas inscritas no servizo público de emprego e que teñen recoñecida unha discapacidade, estean en risco de exclusión social, sexan persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda da Risga, sexan mulleres que acrediten a condición de violencia de xénero e/ou persoas migrantes con autorización de residentes por arraigamento socioformativo.
Durante o programa, as persoas participantes recibirán unha atención adecuada ás súas necesidades e obxectivos. Entre as accións contempladas no marco deste porgrama, están:
- Accións de información, orientación, asesoramento e apoio individualizado.
- Formacións incluídas no catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal (430h) relacionadas coa industria das TIC, os servizos socioculturais e á comunidade e as actividades físicas e deportivas.
- Formación non incluída no catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal (110h).
- Técnicas de coaching, intelixencia emocional, motivación para buscar emprego, habilidades sociolaborais e talleres de entrevistas.
- Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.
- Fomento da capacidade emprendedora e obradoiors sobre mobilidade laboral.
- Prospección e intermediación laboral.
- Prácticas profesionais non laborais en empresas.

Para o Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025/26 contamos cunha bolsa de axudas de 10€ diarios. Tamén estableceremos medidas de conciliación segundo as necesidades.
A través deste programa, esperamos que as persoas participantes melloren as súas oportunidades de acceso ao emprego e acadar, como mínimo, o 42% de inserción. Agardamos que esta iniciativa sexa un apoio para que as persoas con problemas de saúde mental poidan alcanzar os seus obxectivos persoais e profesionais.


