100 persoas con problemas de saúde mental participarán este ano no Programa Integrado de Emprego, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal.

Saúde Mental FEAFES Galicia pon en marcha un novo ano do Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2026-2027, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.

O noso obxectivo é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego.  Para iso póñense en marcha programas integrados de emprego con intermediación laboral na comunidade autónoma de Galicia.

Esta inciativa contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen accións individualizadas e grupais. Buscamos así, facilitar a adquisición de habilidades que favorezan a inserción laboral das persoas participantes.

Traballamos con 100 persoas con algún problema de saúde mental en toda Galicia

O programa comezou o 30 de outubro de 2026 e rematará o 29 de outubro de 2027. Desenvólvese en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Nel participarán 100 persoas pertencentes ao colectivo do grupo A (persoas con discapacidade; persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia e persoas en risco de exclusión social; mulleres coa condición de vítimas de violencia de xénero; persoas migrantes cunha autorización de residencia por arraigamento socioformativo).

Durante o programa, as persoas participantes recibirán unha atención adecuada ás súas necesidades e obxectivos. Entre as accións contempladas no marco deste programa, están:

  • Accións de información, orientación, asesoramento e apoio individualizado.
  • Formacións incluídas no catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal (435h):
    • Industria das TIC
    • Servizos Socioculturais e á Comunidade: Limpeza de Superficies
    • Actividades Físicas e Deportivas: Primeiros Auxilios
  • E formación non incluída en dito catálogo (110h):
    • Igualdade entre homes e mulleres, conciliación e corresponsabilidade
    • Aplicacións prácticas da Intelixencia Artificial para BAE e ciberseguridade
  • Técnicas de coaching, intelixencia emocional, motivación para buscar emprego, habilidades sociolaborais e talleres de entrevistas.
  • Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.
  • Fomento da capacidade emprendedora e obradoiros sobre mobilidade laboral.
  • Prospección e intermediación laboral.
  • Prácticas profesionais non laborais en empresas

Facilitamos a participación no programa coas medidas de conciliación

Para que as persoas participantes poidan acudir a estar formacións, dispoñemos dunha bolsa de axudas de 10€ diarios. Tamén estableceremos medidas de conciliación para facilitar a participación no Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2026/2027:

  • Formación Online: dispoñible para aquelas persoas que por motivos de conciliación ou coidados non poidan asistir ás clases presenciais.
  • Flexibilidade Horaria: dispoñemos dun horario de xornada partida e amplo (de 8:00 h a 19:00 h) para facilitar a asistencia ás sesións individuais.
  • Área de Ocio e Deporte: ofrecemos ás persoas demandantes un servizo de ocio e deporte co obxectivo de desenvolver habilidades sociais e de relación ao mesmo tempo que se permite o desfrute de actividades lúdicas.
  • Apoio en xestións da vida diaria: ofertamos un servizo de información, apoio e asesoramento para trámites que ás veces supoñen un obstáculo debido á xornada laboral. Ademais, contemplamos formación específica en trámites e xestións online.
  • Axudas á conciliación: fomentarase o desenvolvemento dunha vida persoal, familiar e laboral equilibrada apoiando ás persoas demandantes que posúan cargas familiares e sufragando os gastos derivados da conciliación durante o proceso de inserción.
  • Servizo de respiro familiar: proporcionámoslle ás familias estadías nunha casa alugada por Saúde Mental FEAFES Galicia, que sirva de respiro e mellore a súa calidade de vida.

 

A través deste programa, esperamos que as persoas participantes melloren as súas oportunidades de acceso ó emprego e acadar, como mínimo, o 40% de inserción. Agardamos que esta iniciativa sexa un apoio para que as persoas con problemas de saúde mental poidan alcanzar os seus obxectivos persoais  e profesionais.

Share