Skip to main content

100 persoas con problemas de saúde mental participarán este ano no Programa Integrado de Emprego, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal.

Saúde Mental FEAFES Galicia pon en marcha un novo ano do Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2024-2025, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.

O obxectivo deste programa é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación na comunidade autónoma de Galicia.

Este programa contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen accións individualizadas e grupais para facilitar a adquisición de habilidades laborais que favorezan a inserción laboral das persoas participantes.

 

Traballamos con 100 persoas con algún problema de saúde mental en toda Galicia 

O programa comezou o 15 de outubro de 2024 e rematará o 14 de outubro de 2025. Desenvólvese en Pontevedra, Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Nel participarán 100 persoas inscritas no servizo público de emprego que teñen recoñecida unha discapacidade a causa dun problema de saúde mental.

Durante o programa, as persoas participantes recibirán unha atención adecuada ás súas necesidades e obxectivos. Entre as accións cotempladas no marco deste programa, están:

 

 

  • Accións de información, orientación, asesoramento e apoio individualizado.
  • Formacións incluídas no catálogo do Servizo Público de Emprego Estatal (350h) e formación non incluída en dito catálogo (212h)
  • Técnicas de coaching, intelixencia emocional, motivación para buscar emprego, habilidades sociolaborais e talleres de entrevistas.
  • Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas participantes.
  • Fomento da capacidade emprendedora e obradoiros sobre mobilidade laboral.
  • Prospección e intermediación laboral.
  • Prácticas profesionais non laborais en empresas.

Para o Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2024-2025, contamos cunha bolsa de axuda de 10€ diarios. Tamén estableceremos medidas de conciliación segundo as necesidades.

A través deste programa, esperamos que as persoas participantes melloren as súas oportunidades de acceso ao emprego e acadar, como mínimo, o 42% da inserción. Agardamos que esta iniciativa sexa un apoio para que as persoas con problemas de saúde mental poidan alcanzar os seus obxectivos persoais e profesionais.