A través da subvención correspondente ao programa FOAXE-P para o mantemento de programas e servizos sociais, a Deputación da Coruña colabora con Saúde Mental FEAFES Galicia cun importe de 19.500 € que se destinará ao financiamento de accións de inserción laboral que se realicen durante o ano 2021.
Igualmente, a través da subvención correspondente ao programa FOIE para o investimento de servizos sociais do ano 2021, Saúde Mental FEAFES Galicia recibiu da Deputación da Coruña un total de 12.226,27 € que irán destinados á habilitación dun novo despacho na oficina da Coruña e á compra do mobiliario necesario para o seu acondicionamento. Á súa vez, a oficina de Santiago tamén adquirirá grazas a esta partida mesas de reunións, cadeiras, soportes para pantallas, un arquivador, un proxector, webcams, altofalantes e a substitución das luminarias dos despachos por luces Led.
Accións para o fomento da inserción laboral
Ambas subvencións irán destinadas ao “Proxecto de inserción laboral para persoas con enfermidade mental”, que inclúe accións de información, asesoramento, atención e acompañamento na busca activa de emprego, tanto por conta propia como por conta allea. Para iso, realízanse itinerarios personalizados de inserción baseados na análise da situación individual de cada persoa, ofrecéndolle unha formación específica e adaptada ás súas necesidades, ben a través de cursos propios ou mediante a derivación a outras entidades ou organismos.
Este ano, debido á situación derivada da COVID-19, todas as accións realizadas no marco deste proxecto tiveron que adaptarse á normativa establecida en cada momento polas autoridades sanitarias. Tanto as accións formativas como as citas individuais son realizadas de xeito telemático ou presencial segundo a circunstancia en cada momento.
Por outra banda, o proxecto de inserción laboral tamén inclúe intermediación laboral coas empresas, preparación das persoas candidatas para as entrevistas e accións de seguimento no posto de traballo, tanto das persoas candidatas como do desempeño na propia empresa. Ademais, o programa contempla accións de emprego con apoio para aquelas persoas que así o precisen.
Un espazo para a busca de emprego
Este ano, na oficina da Coruña continuouse co punto TIC para a busca activa de emprego, un espazo no que as persoas usuarias poden acceder a equipos informáticos con conexión a Internet, teléfono e impresora, para poder xestionar a súa busca de traballo. Trátase de que, asesorados polo persoal técnico ou de forma autónoma, dispoñan dun lugar no que poidan elaborar e imprimir un CV, facer cartas de presentación, enviar un CV por correo electrónico, inscribirse a portais de emprego, facer unha entrevista de traballo en liña, ou calquera outra actividade vinculada ao seu proceso de busca de emprego que requira de calquera dos dispositivos dispoñibles.
Ademais, a oficina da Coruña conta tamén cunha pequena aula de informática para a realización de formación específica en competencias dixitais.