Skip to main content

Xa está dispoñible para a súa consulta a nosa memoria de actividades correspondente ao ano 2021. O fin deste documento é visibilizar as accións realizadas a favor das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e persoas achegadas. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ao alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.

O 2021 foi un ano
de recuperación paulatina da normalidade estando aínda marcado pola Covid-19 e
sobre todo, polos cambios que esta supuxo e cuxas consecuencias seguiremos a
notar nos próximos anos.

Entre estas
consecuencias atópase o aumento dos problemas de saúde mental na poboación. Coa
pandemia sacouse á luz a necesidade de afondar nos problemas de saúde mental e
abordalos de maneira rigorosa, dende a saúde pública, da mesma forma que se
fixo co virus.

Neste ano demos
resposta a máis de 1.200 chamadas telefónicas, e facilitamos información, asesoramento e apoio a 1.795 persoas para a resolución de problemas de todo tipo. A Asesoría Xurídica,
pola súa banda, orientou a 214 persoas sobre asuntos legais relacionados coa
saúde mental. Todo isto fíxonos coñecer máis a fondo as necesidades das persoas
usuarias. Comprobamos tamén que durante estes anos o colectivo demostrou unha
gran resiliencia o que axudou a cambiar miradas e prexuízos aínda existentes.

O 2021 foi un ano
de consolidación de proxectos. Seguimos considerando o acceso e mantemento do
posto de traballo un dos piares fundamentais para a inserción e a independencia
das persoas con problemas de saúde mental. Este ano, a través do servizo de Inserción
Laboral e Emprego
recibiron orientación laboral un total de 1.233 persoas,
logrando que 571 usuarios e usuarias accedesen ao mundo laboral a través de 834
contratos. Fomentouse tamén o acceso á practicas non laborais das que se
beneficiaron 65 persoas, e fixemos visitas a 323 empresas, o que nos permite
seguir tecendo aliados na rede.

O pasado ano
potenciamos tamén o traballo de Acción Social.  O noso Programa de Inclusión social traballou
con 30 persoas con problemas de saúde mental en situación especialmente
vulnerable. No Programa de Par en Par, acompañamos a 27 persoas con problemas
de saúde mental ofrecéndolles unha atención personalizada, mellorando as súas
competencias e intentando implicar as familias e persoas achegadas neste
proceso para afastalos da exclusión. Especificamente en Santiago, o Programa de
Atención a Persoas en Risco de Exclusión atendeu a 341 persoas. Actuamos tamén
en centros penais co Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidade
Mental a través das asociacións, que atenderon a un total de 130 persoas.

Unha das nosas
misións é crear espazos onde as persoas con problemas de saúde mental poidan
relacionarse nun entorno seguro, crear lazos, exercitarse e desfrutar do seu
entorno coma tódalas persoas. O pasado ano 366 persoas participaron dos clubs
de ocio do servizo de Lecer e Deportes. Ademais contamos cunha casa
vacacional en Miño e outra en Vimianzo onde se realizaron estancias de fin de
semana, organizouse unha viaxe a Lanzarote e percorremos, un ano máis, o Camiño
de Santiago, que o pasado ano contou con 27 peregrinos e peregrinas.

Desde Saúde
Mental FEAFES Galicia somos moi conscientes de que aínda queda moito que
traballar para loitar contra a desinformación e o estigma que aínda persegue ás
enfermidades mentais. Por iso, desde o servicio de Comunicación facemos
difusión constante dos nosos programas e actividades. Tivemos 114 aparicións en
medios informando, sensibilizando e reclamando dereitos para as persoas con
problemas de saúde mental. Reivindicamos a atención da saúde mental dende o
rural, a atención especial ás mulleres con problemas de saúde mental; e facemos
unha importante labor de información, sensibilización e prevención nos
institutos. A través do programa Descubre achegámonos a 519 estudantes para
falar de saúde mental.

Pero non
poderíamos desenvolver a nosa labor sen o traballo de todas as entidades que
formamos parte do movemento asociativo. Desde Saúde Mental FEAFES
Galicia, levamos a cabo accións dirixidas a potenciar a calidade e unidade das
súas entidades membro, tratando de mellorar a identidade institucional. Facendo
tamén un traballo de comunicación entre a entidade e as administracións e lograr
así melloras lexislativas e financiamento que redunden no incremento da
calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.

Podes ler en
profundidade a Memoria 2021 aquí.