Como cada ano, presentamos a nosa memoria de actividades, onde podedes consultar as accións realizadas e os obxectivos alcanzados ó longo do pasado 2022
Xa está dispoñible para a súa consulta a nosa memoria de actividades correspondente ó ano 2022. A finalidade deste documento é visibilizar as accións realizadas a favor das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e persoas achegadas. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ó alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.
Como se pode comprobar ó longo da memoria de actividades, esforzámonos por poñern en marcha e manter todos aqueles servizos e proxectos que nos permitan avanzar na oferta dun apoio integral ás persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.
Máis de 1.800 persoas atendidas
Neste ano, dimos resposta a máis de 670 chamadas telefónicas na nosa liña gratuíta 900 102 661, e facilitamos información, asesoramento e apoio a 1.839 persoas para a resolución de problemas de todo tipo. A Asesoría Xurídica, pola súa parte, orientou a 245 persoas sobre asuntos legais relacionados coa saúde mental.
Un ano máis, destacamos o traballo en rede, fundamentalmente para coñecer máis en profundidade as necesidades das usuarias e usuarios; e para coordinarnos con outras organizacións e servizos implicados na intervención de cada persoa. Comprobamos tamén que o colectivo segue a demostrar unha gran resiliencia, o que axuda a cambiar miradas e prexuízos aínda existentes.
A inserción laboral, un dos nosos piares
O 2022 foi un ano de consolidación de proxectos. Seguimos considerando o acceso e mantemento do posto de traballo un dos piares fundamentais para a inserción e a independencia das persoas con problemas de saúde mental.
Este ano, a través do servizo de Inserción Laboral e Emprego recibiron orientación laboral un total de 1.207 persoas, logrando que 677 usuarios e usuarias accedesen ó mundo laboral a través de 1.134 contratos. Ofrecimos formación para o emprego a través de 139 accións formativas e fomentouse tamén o acceso a prácticas non laborais das que se beneficiaron 75 persoas. Tamén seguimos tecendo aliados en rede a través de 323 visitas a empresas.
Loitamos día a día contra a exclusión
O pasado ano, potenciamos tamén o traballo de Acción Social. O noso Programa de Inclusión Social traballou con 30 persoas con problemas de saúde mental en situación especialmente vulnerable.
No Programa de Par en Par, acompañamos a 27 persoas con problemas de saúde mental, ofrecéndolles unha atención personalizada, mellorando as súas competencias e intentando implicar as súas familias e persoas achegadas neste proceso para alonxalos da exclusión. Específicamente en Santiago, o Programa de Atención a Persoas en Risco de Exclusión prestou os seus servizos a 354 persoas.
Actuamos tamén en centros penais co Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental, que atende a un total de 150 persoas.
Facilitamos a integración a través do ocio e o deporte
Unha das nosas misións é crear espazos onde as persoas con problemas de saúde menta se poidan relacionar nun entorno seguro, crear lazos, exercitarse e disfrutar do seu entorno como todas as persoas. Estas actividades permítenlles romper coa rutina diaria, facer exercicio, enriquecerse culturalmente e tecer redes de apoio, favorecendo así a socialización e a autonomía.
O pasado ano, 440 persoas participaron nos clubes de ocio do servizo Ocio e Deportes. Ademais, contamos cunha casa vacacional en Ribeira Sacra e outra en Vimianzo onde se realizaron estancias de fin de semana; organizáronse dúas viaxes a Tenerife e a Mallorca; achegámonos a disfrutar das Termas de Cuntis en dúas ocasións; e percorremos un ano máis o Camiño de Santiago, que o pasado ano contou con 39 peregrinas e peregrinos.
Comunicación contra o estigma
Dende Saúde Mental FEAFES Galicia somos moi conscientes de que aínda queda moito que traballar par loitar contra a desinformación e o estigma que persegue ás enfermidades mentais. Por iso, desdeo o servizo de Comunicación facemos difusión constante dos nosos programas e actividades.
No ano 2022, tivemos 81 aparicións en medios informando, sensibilizando e reclamando dereitos para as persoas con problemas de saúde mental. Tamén realizamos unha activa labor en redes sociais cun total de 10.187 seguidoras e seguidores nas nosas canles de comunicación.
Reivindicamos a atención á saúde mental no rural, a atención especial ás mulleres con problemas de saúde mental e facemos unha importante labor de información, sensibilización e prevención nos institutos; achegándonos ós centros educativos para falar con máis de 1.000 estudantes.
Este ano, tamén lanzamos a campaña “Non miremos cara outro lado” polo Día Internacional da Eliminación da Violencia cara a Muller, especialmente centrada nas mulleres con problemas de saúde mental que son ademais vítimas de violencia de xénero; e outra poñendo o foco na saúde mental da mocidade “Falamos de saúde mental?“, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.
O movemento asociativo
Pero non poderiamos desenvolver a nosa labor sen o traballo de todas as entidades que formamos parte do movemento asociativo. Actualmente, son 12 as asociacións que forman parte da nosa entidade, con presencia en máis de 30 localidades galegas.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, levamos a cabo accións dirxidas a ponteciar a calidade e a unidade das nosas entidades membro, tratando de mellorar a identidade institucional. Facendo tamén un traballo de comunicación entre a entidade e as administracións, e lograr así melloras lexislativas e financiamento que redunden no incremento da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.
Podes ler en profundidade a Memoria de actividades 2022 aquí.