Un ano máis, presentamos a nosa memoria de actividades, onde podedes consultar as accións realizadas e os obxectivos acadados ao longo do pasado 2025
Xa está dispoñible para a súa consulta a nosa memoria de actividades correspondente ao ano 2025. Con este documento queremos visibilizar as accións realizadas a favor das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e persoas achegadas. Cumprimos así co noso compromiso de transparencia e poñemos ao alcance de quen queira consultalo o balance do ano e os detalles da xestión realizada.
Ao longo desta memoria observaredes que nos esforzamos en poñer en marcha e manter todos os servizos e proxectos que nos permitan seguir apoiando de forma integral ás persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.
Máis de 2.000 persoas atendidas

O pasado ano brindamos información, asesoramento e apoio a2.136 persoas en materia de saúde mental. Tanto de xeito presencial nas nosas oficinas, como a través da nosa liña gratuíta 900 102 661. A Asesoría Xurídica, pola súa parte, orientou a 371 persoas sobre asuntos legais relacionados coa saúde mental.
Un ano máis, destacamos o traballo en rede, fundamental para coñecer máis en profundidade as necesidades das usuarias e usuarios; e para coordinarnos con outras organizacións e servizos implicados na intervención
Fomentamos a formación e impulsamos a inserción laboral

A formación e o emprego seguen a ser un dos nosos piares fundamentais. Poder acceder e manter un posto de traballo é un requisito indispensable para a inclusión e a dependencia das persoas con problemas de saúde mental.
En 20225, a través do servicio de Inserción Laboral e Emprego recibiron orientación laboral un total de 1.279 persoas, logrando que 924 usuarios e usuarias accedesen ao mundo laboral a través de 1.319 contratos. Ofrecemos formación para o emprego a través de 121 accións formativas e fomentouse tamén o acceso a prácticas non laborais das que se beneficiaron 44 persoas. Tamén seguimos tecendo aliados en rede a través de 328 visitas a empresas.
Ofrecemos apoio fronte á exclusión

Seguimos aumentando a nosa Atención Sociosanitaria. A través dos nosos programas “De Par en Par” e “Atendo”; atendemos a 277 persoas acompañadas no día a día e favorecendo a súa inclusión social, autonomía e calidade de vida. Especificamente en Santiago, o “Programa de Atención a Persoas en Risco de Exclusión” prestou os seus servizos a 94 persoas.
Ao longo deste ano, ofrecemos apoio e atención ás mulleres en situación vulnerable a través do noso programa de “Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade”, que tivo 52 beneficiarias, e do programa “Tecendo Saúde Mental”, dirixido a familias monomarentais en risco de exclusión e que beneficiou a 55 persoas. Ademais, traballamos a corresponsabilidade con perspectiva de xénero a través do programa “Corresponsabilízate… ¡también es salud mental!”, no que participaron 70 persoas.
No 2025, o programa “Senda pola Saúde Mental”, continuou o seu camiño achegando recursos de información, apoio e asesoramento ás persoas con problemas de saúde mental que residen nas zonas máis rurais de Galicia. Un total de 35 persoas e as súas familias recibiron atención en comarcas de Ourense e Pontevedra.
Ocio e deporte como medio de integración e normalización

Un ano máis, seguimos coa nosa misión de crear espazos onde as persoas con problemas de saúde mental poidan relacionarse nun entorno seguro, crear lazos, exercitarse e gozar da súa contorna como todas as persoas. Estas actividades permítenlles romper coa rutina diaria, facer exercicio, enriquecerse culturalmente e tecer redes de apoio, favorecendo así a socialización e a autonomía.
Para iso fomentamos a práctica de diversos deportes. En 2025 celebramos os XIX, XX e XXI Campeonatos de Tenis de Mesa, así como o IV Encontro Multideporte en Cambre, o XVI Torneo de Balompé “FEAFES polo fútbol” e a liga inclusiva de fútbol sala “A Nosa Champions”.
Tamén aproveitamos os recursos de cada zona na que traballamos para participar en diferentes programas e actividades culturais, favorecendo así un ocio inclusivo na comunidade.
O pasado ano, 470 persoas participaron dos clubs de ocio do servizo de Ocio e Deportes. Ademais, contamos cunha casa vacacional en Barro onde se realizaron estancias de fin de semana; organizáronse dúas viaxes a Huelva e Lanzarote; achegámonos a gozar das Termas de Cuntis en dúas ocasións. Como xa é tradición, este ano tamén percorremos o Camiño de Santiago con 32 peregrinas e peregrinos.
Informamos, sensibilizamos e derrubamos estigmas

Desde Saúde Mental FEAFES Galicia seguimos loitando contra a desinformación e o estigma que aínda perseguen ás enfermidades mentais. Por iso, desde o servizo de Comunicación facemos difusión constante dos nosos programas e actividades.
No ano 2025, mantivemos a nosa presenza nos medios informando, sensibilizando e reclamando dereitos para as persoas con problemas de saúde mental. Tamén realizamos unha activa labor en redes para informar e conectar coas 14.148 persoas que nos seguen nas nosas canles de comunicación.
Reivindicamos a atención á saúde mental no rural e a atención especial ás mulleres con problemas de saúde mental. Ademais, facemos unha importante labor de información, sensibilización e prevención nos institutos, achegándonos a 30 centros educativos para falar co alumnado e o profesorado.
Este año, realizamos accións de sensibilización en redes por días sinalados como o 8M, o Día Mundial de la Esquizofrenia ou o 25N. E participamos en campañas conxuntas con outras entidades como a X Solidaria, a campaña #OrgulloTerceiroSector e colaboramos, un ano máis, na iniciativa #BaixoOMesmoParaugas.
En febreiro de 2025, celebramos os III Premios Empréganos de Saúde Mental en A Coruña. Con eles poñemos en valor e recoñecemos o traballo das empresas, persoas empresarias e entidades que colaboran con Saúde Mental FEAFES Galicia na inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental.
Ademais, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, organizamos a xornada Salud Mental e Mocidade: coidar o presente para construír o futuro. Un evento que realizamos en colaboración coa Universidade de Santiago e que acolleu a 200 asistentes para reflexionar sobre o coidado da saúde mental da xente nova.
Durante o mes de novembro, o Depor dedicounos o seu primeiro “Brazalete Solidario”. Os capitáns e capitanas dos distintos equipos do R.C. Deportivo da Coruña luciron un brazalete dedicado a Saúde Mental FEAFES Galicia, co fin de visibilizar a nosa causa.
O movemento asociativo

Non poderiamos desenvolver a nosa labor sen o traballo que toda as entidades que compoñemos o movemento asociativo. Actualmente son 12 as asociacións que forman parte da nosa entidade, con presenza en máis de 30 localidades galegas.
As asociacións membro desenvolven programas e xestionan recursos de apoio e acompañamento ás persoas con problemas de saúde mental e as súas familias e persoas de referencia. Entre estes recursos están os centros de rehabilitación psicosocial e laboral, as vivendas e servizos residenciais, os centros ocupacionais, centros especiais de emprego, centros de día e centros de atención infanto-xuvenil.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, levamos a cabo accións dirixidas a potenciar a calidade e a undiade das nosas entidades membro, tratando de mellorar a identidade institucional. Facendo tamén un traballo de comunicación entre a entidade e as administracións e lograr así melloras lexislativas e financiamento que redunden no incremento da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familais.
Podes ler en profundidade a Memoria 2025 aquí.
