Michel Gutiérrez, da asociación Doa de Cangas, foi o primeiro clasificado do I Campionato de Pingpong de Feafes Galicia celebrado no Pavillón de Deportes do Romarigo de Cangas do Morrazo o pasado 5 de xullo. O evento estivo organizado pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) e a asociación Doa.
O segundo clasificado foi Manuel Otero de Doa Vigo; o terceiro, Constantino Frieiro, de Lar; e o cuarto, Luis Cores, de APEM Cee.
A través de partidos individuais en oito mesas, participaron xogadores procedentes de cinco asociacións de Feafes Galicia: Avelaíña (A Guarda), Apem (Cee), Afaes Portanova (Ferrol), Lar (Vilagarcía) e a anfitriona Doa (Cangas e Vigo).
Tras a celebración do campionato, os 100 asistentes ao evento desprazáronse ata a praia de Liméns para celebrar unha comida de confraternidade. Xa pola tarde, os participantes aproveitaron para visitar a localidade.
Esta actividade, organizada polo departamento de Ocio e Deportes de Feafes Galicia, ten como obxectivo mostrar á sociedade a imaxe máis positiva do colectivo de persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos e o estigma social. Ademais, tamén permiten mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias.