A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA felicitará as festas o próximo mes de decembro cun deseño da artista Ana Núñez, gañadora do XVI Concurso de Felicitacións de Nadal coa súa obra “Regalo de Noiteboa”. Pertencente á asociación madrileña AMAFE, Núñez lembrou que “o atardecer de Nadal é máxico” no lema que acompaña a este debuxo.
Como segundos premios extraordinarios, as obras elixidas foron as de Magdalena Manzanedo da asociación salmantina AFEMC, co seu debuxo “Vidreiras”; e Miguel Villarino da galega A Mariña, co seu debuxo “Boneco de neve feliz”.
Do primeiro premio, elixido entre as 158 candidaturas recibidas, o xurado destacou no seu fallo “a extraordinaria calidade da técnica empregada, a combinación de cores, e sobre todo, a súa orixinalidade”. Así mesmo, subliñou especialmente “o colorido elixido pola autora, mesturando de forma harmónica tons fríos e cálidos”.
Ao xurado, da obra de Magdalena Manzanedo sorprendeulle especialmente “a técnica aplicada simulando unha vidreira”, así como “a orixinalidade na composición de liñas e cores”. Tamén destacou “a excelente habilidade da artista para proxectar unha idea innovadora”.
En relación á elección da obra de Miguel Villarino, para o xurado foi determinante “a positividade e a alegría que desprende, así como a habilidade á hora de plasmar no debuxo a textura da neve”.
Este xa tradicional concurso, enmarcado desde fai dezaseis anos na iniciativa “Expresión artística pola integración”, busca tanto impulsar a expresión artística como visibilizar as obras de persoas con problemas de saúde mental, procurando ser un elemento de motivación, de fomento do talento e de loita contra o estigma no que participa a base social do movemento asociativo reunido na Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA.
Cada ano, a ilustración gañadora deste concurso e a frase que a acompaña son empregadas polo movemento asociativo reunido ao redor de SALUD MENTAL ESPAÑA para a súa felicitación do Nadal.
O xurado desta edición de 2018 estivo formado por Celeste Mariner, directora executiva de SALUD MENTAL ESPAÑA; Jorge Pelegrín, técnico de Calidade; e Fernando Jiménez, técnico de Administración da Confederación. Desde Janssen, que patrocina este concurso, participaron Almudena Civera, coordinadora de Relacións Institucionais; Natalia Collado, xefa da área de Deseño e Maquetación; e Macarena Rodríguez, directora rexional de Relacións Institucionais.