As mulleres con
problemas de saúde mental son un colectivo frecuentemente invisibilizado. Experimentan
unha tripla discriminación: rexeitamento pola discapacidade, estigma asociado
aos problemas de saúde mental e a discriminación derivada por ser muller.
Por isto, o
pasado 24 de outubro participamos no ciclo de charlas sobre a saúde mental e
as mulleres que organiza o CIM de Arteixo en colaboración coa Consellería de
Emprego e Igualdade. Nel abórdanse as distintas temáticas que afectan de
forma específica á saúde mental das mulleres.
A charla Mulleres
e Saúde Mental, que se enmarca dentro do Programa de Igualdade e que
impartimos ante 17 mulleres de 31 a 66 anos, ten como obxectivo sensibilizar e
informar sobre a situación actual da muller no ámbito da saúde mental,
abordando temáticas como a perspectiva de xénero nas consultas de saúde mental,
a situación das mulleres con discapacidade, a violencia de xénero e a posición
da muller no ámbito laboral.
Ademais, durante
o ciclo abórdanse distintas temáticas que afectan de forma específica á saúde
das mulleres durante todo o ciclo vital. Así, preténdese promover o benestar
das mulleres a través do autocoidado, a prevención e detención precoz de
determinadas patoloxías que son moi propias das mulleres, aportando información
e sensibilización.
Acercar a saúde
mental á poboación en xeral permite sensibilizar, concienciar e dar información
apropiada sobre este ámbito, axudando así a eliminar o estigma que aínda
persiste sobre as persoas que teñen algún problema de saúde mental. Neste caso,
centrado especialmente nas mulleres.