Skip to main content

FEAFES Galicia conta cunha axente de emprego que se encarga de desenvolver múltiples accións encamiñadas a favorecer o acceso ó mercado laboral das persoas con enfermidade mental. 

Ó longo deste ano, a axente de emprego realizou prospección do mercado laboral para sensibilizar ás empresas e favorecer a súa colaboración na integración laboral das persoas con enfermidade mental. Nestes contactos, a axente explica ás empresas o traballo xeral de FEAFES Galicia e trata de eliminar os prexuízos existentes cara as persoas con enfermidade mental aportando información acerca dos beneficios que supón, tanto para o empresario como para o traballador, contratar a unha persoa con enfermidade mental.

Unha frecuente vía de colaboración coas empresas son as prácticas non laborais como un paso previo á inserción laboral. Ó longo de todo o período de prácticas, tanto a empresa como o usuario contan co seguimento e asesoramento da axente de emprego de FEAFES Galicia. Posteriormente, no momento da contratación, o apoio na adaptación ó posto de traballo realízase in situ para que a inserción laboral sexa o máis normalizada posible e adaptada ás características de cada usuario.

Outra das funcións realizadas pola axente de emprego ó longo deste ano foi a busca activa e a xestión de ofertas de emprego, localizando diariamente as ofertas de traballo dispoñibles e informando ós usuarios que mellor se adaptan ó perfil requirido. A identificación de nichos de emprego é outra das tarefas realizadas, buscando empresas que posiblemente demanden un número significativo de empregados nun futuro próximo e que poden contar con FEAFES Galicia á hora de seleccionar ós seus traballadores.

O asesoramento e a oferta de apoio na xestión de proxectos de inserción laboral, así como o apoio para o desenvolvemento da Responsabilidade Social Corporativa nas empresas tamén son tarefas da axente de emprego. Igualmente, esta figura asesora a emprendedores con discapacidade por enfermidade mental e os apoia durante todo o proceso de creación do autoemprego.

A atención e seguimento dos usuarios que realiza a axente de emprego é totalmente personalizada a través de titorías individuais, mais realiza tamén talleres grupais nos que os demandantes de emprego se enriquecen das experiencias mutuas e adquiren diversas habilidades que permiten aumentar a súa empregabilidade. Algúns dos obradoiros realizados ó longo deste ano pola axente de emprego foron os seguintes:

  • – Talleres sobre Motivación e Técnicas de Busca Activa de Emprego
  • – Talleres de Habilidades para o Mantemento do Posto de Traballo (Asertividade) 
  • – Formación sobre Novas Tecnoloxías Aplicadas á Busca de Emprego
  • – Reunións do Club de emprego como punto de encontro presencial e virtual (a través dun blog) para intercambiar información, experiencias e impresións sobre a busca de emprego
  • – Reunións do Club de emprendedores como lugar de encontro para os participantes que compartan a idea de crear unha empresa ou darse de alta como autónomos
  • – Coloquios con distintas temáticas relativas a aspectos de interese laboral (dereitos e deberes dos traballadores, contratos, convenios laborais, etc.)
  • – Reunións dos Grupos de Familias orientados á colaboración destas na empregabilidade dos seus familiares con enfermidade mental

 

    axente emprego (1).JPG     axente emprego (2).JPG

    axente emprego logo.jpg