O Comité Pro Saúde Mental en Primeira Persoa da Confederación Salud Mental España creou a páxina web Diversamente, co obxectivo de que as persoas con problemas de saúde mental poidan apoiarse mutuamente, compartir experiencias e así empoderarse e eliminar os prexuízos aínda existentes na sociedade.
Así o explicou o presidente de Salud Mental España, Nel González, durante a presentación que tivo lugar este martes en Madrid, na que fixo fincapé na importancia de que sexan as propias persoas con problemas de saúde mental quen dea os seus testemuños, porque “non hai maior experto que o que vive unha experiencia” e “só compartindo o que experimentan estas persoas podemos axudar ás demais”.
Este portal, que xa se pode visitar, ofrece información rigorosa sobre a saúde mental e sobre que facer desde o momento no que se empezan a notar os primeiros síntomas, co obxectivo de humanizar o proceso de reequilibrio que levan a cabo as persoas con problemas de saúde mental para continuar cunha vida plena e con autoestima.
A sección En Primeira Persoa está ideada para compartir testemuños de superación como os que relataron durante a presentación Enrique González, Isabel Cabrera e Basilio García, que denunciaron que cando se fala de persoas con problemas de saúde mental “a xente segue pensando en camisas de forzas” e celebraron que esta web servirá para que estas persoas se dean conta de que “hai máis casos e non están sós” e para “educar á sociedade”.
Doutra banda, o traballador social da Confederación Salud Mental España, José Luis Méndez, detallou que a sección Empodérate dá conta das “barreiras invisibles ás que se enfrontan estas persoas” e “das solucións para que sexan os protagonistas do seu propio proceso de recuperación”.
Entre os principais problemas aos que se enfrontan estas persoas atópanse a falta de sensibilización da sociedade en xeral e do tecido empresarial en concreto, dificultando o seu acceso á vida laboral, así como a “desinformación dos medios de comunicación”, que, segundo denunciaron, á hora de informar sobre un suceso destacan se esa persoa sofre un trastorno mental, promovendo a estigmatización das persoas que teñen o mesmo problema de saúde mental.
Por último, a sección Exprésate vai destinada a publicar aquelas expresións artísticas, por exemplo textos, poesías, pinturas e manualidades, que queiran compartir as persoas con problemas de saúde mental co resto do movemento asociativo. “Queremos mostrar exemplos de esperanza e boas prácticas en saúde mental e emocional co obxectivo de encher de luz o camiño de quen sofre”, concluíu González.
Vía Servimedia.