Hoxe, 17 de outubro, con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, inaugurouse no Parlamento de Galicia a exposición “Ninguén á marxe #ContraPobreza” impulsada polav Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN Galicia). No acto participaron Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Fabiola García, Conselleira de Política Social; e Antonio Hernández, presidente de EAPN Galicia.
“Ninguén á marxe” inclúe fotografías de persoas das organizacións membro de EAPN Galicia (traballadoras, voluntarias ou participantes) e pretende amosar a deputados, deputadas e responsables políticos as súas demandas e propostas de loita contra a pobreza e a exclusión social. Moitas desas demandas están extraídas dos últimos Seminarios de Participación organizados pola Rede de Loita contra a Pobreza en lugares como Santiago de Compostela ou Canarias.
Con esta exposición preténdese dar forza ás propostas realizadas polas persoas que se atopan en risco de pobreza ou exclusión social para fomentar a empatía e identificar as propostas a seguir por parte das entidades, da administración e da comunidade, para así favorecer a participación a todos os niveis das persoas en situación de vulnerabilidade.
No acto, o primeiro no que a nova Conselleira de Política Social se presentou diante das catro plataformas do terceiro sector galego (EAPN Galicia, CERMI, Plataforma de Infancia de Galicia e Coordinadora Galega de ONGD), difundiuse a última información sobre a pobreza e exclusión en Galicia que se presentou onte a través do informe “El estado de pobreza en España 2018“. Igualmente, deuse lectura á “Declaración Institucional contra o odio e a intolerancia ás persoas en pobreza ou exclusión” aprobado por unanimidade no pleno do Parlamento de Galicia ante o crecemento da aporofobia e os prexuízos.
A inauguración da exposición coincidiu co inicio da campaña en redes sociais #ContraPobreza, impulsada dende Galicia para todas as redes EAPN autonómicas e as ONG integradas nas mesmas.
Vía EAPN Galicia.