Skip to main content
Adiantándose á conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro, o Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia lanza a campaña de sensibilización “Nós vémolo claro, ti que ves?”. O obxectivo desta acción é mostrar á sociedade as dificultades coas que se atopan as persoas con problemas de saúde mental nos seus procesos de inserción laboral, así como sensibilizar sobre esta realidade e amosar solucións positivas.
A campaña pretende dar continuidade á presentada o ano pasado, “Botemos o estigma ao lixo”, amosando que sucede cando unha persoa con problemas de saúde mental accede a un emprego. Á súa vez, a iniciativa vai en sintonía co lema do Día Mundial da Saúde Mental 2020: “Saúde mental e benestar: unha prioridade global”, defendendo que unha axeitada incorporación ao mundo laboral é unha forma máis de camiñar cara á plena inclusión das persoas de maneira positiva e saudable, libre de estigmas e prexuízos e poñendo no foco nas capacidades.
A campaña “Nós vémolo claro, ti que ves?” consta dunha serie de fotografías nas que se poden ver a dúas persoas nun entorno laboral, unha con enfermidade mental e outra sen ela. A pesar de ser aparentemente semellantes, unha das persoas asegura ter moitas máis dificultades para acceder a un posto de traballo ou para manter un emprego debido ao estigma vinculado á saúde mental.
As fotografías serán publicadas durante a primeira quincena de outubro no blog mentalizaccion.org, así como na web e redes sociais de Saúde Mental FEAFES Galicia. Igualmente, o Comité en Primeira Persoa anima a todo o mundo a compartir as súas experiencias ou a difundir a campaña nas redes sociais empregando o hagstag #VémoloClaro.

O Comité en Primeira Persoa, un espazo con voz propia

O Comité Galego en Primeira Persoa é un órgano que da voz ás persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións, conformando un marco para o diálogo e a posta en marcha de accións concretas que permitan avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con problemas de saúde mental.
Foi constituído en novembro de 2017 en Santiago de Compostela e actualmente conta con seis membros activos procedentes de diversos puntos de Galicia. A través de reunións mensuais, o Comité convértese nun espazo de intercambio de información e inquedanzas onde os seus integrantes tratan temas relacionados coa saúde mental que lles afectan e lles preocupan. 
Entre as accións que levan a cabo, destaca a elaboración e actualización dun blog en primeira persoa (mentalizaccion.org), accións formativas, posicionamentos ante temas relacionados coa saúde mental ou accións de sensibilización.