Skip to main content
Recentemente, a clínica lucense Nova Dinan S.L. asinou un convenio de colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia coa fin de impulsar proxectos encamiñados a fomentar a integración sociolaboral de persoas con dificultades de acceso ao emprego.
A través desta sinatura, que se realizou no marco do programa Incorpora da Fundación “la Caixa”, ambas entidades comprométense a cooperar na promoción da contratación laboral de persoas con problemas de saúde mental. Ademais, no encontro propuxéronse novas vías de colaboración de cara a futuros procesos de selección de persoal que se realicen durante o 2021.
Rubén López, xerente da clínica Nova Dinan S.L., amosou a súa aposta polo colectivo de persoas con problemas de saúde mental á hora de buscar persoal para cubrir vacantes na súa empresa, posto que, como sinalou: “o importante á hora de seleccionar a unha persoa para un posto é que sexa responsable e teña ganas de traballar”.
Pola súa parte, Rocío Megía, prospectora laboral de Saúde Mental FEAFES Galicia, recalcou o compromiso da entidade en prestar en todo momento asesoramento experto no referido ás necesidades especiais que poidan demandar as persoas con problemas de saúde mental empregadas por Nova Dinan.
Desde o ano 2006, a Fundación “la Caixa” fomenta, a través do programa Incorpora, o acceso ao mundo laboral de persoas en situación ou risco de exclusión, como persoas paradas de longa duración, persoas ex reclusas, mozos e mozas en situación de vulnerabilidade, inmigrantes, vítimas de violencia de xénero ou persoas con problemas de saúde mental, entre outros colectivos.
Co obxectivo principal de tender pontes entre as empresas e as entidades sociais que se dedican á integración laboral, o programa Incorpora da Fundación “la Caixa” favorece un clima de entendemento e colaboración entre ambas partes que redunda en oportunidades para quen máis as necesitan, contando sempre co seguimento e acompañamento do persoal técnico de inserción laboral durante todo o proceso de busca de emprego, incorporación a un posto de traballo e futuro mantemento do mesmo.