Onte, xoves 23 de marzo, a Fundación MAPFRE, FEAFES Galicia e o Concello de Lugo presentaron ás empresas de Lugo o programa Xuntos Somos Capaces, que ten como obxectivo promover e impulsar o emprego entre os colectivos máis vulnerables da sociedade.
Este programa engloba distintas iniciativas para fomentar a contratación, impulsar a formación de persoas en busca de emprego, axudar aos mozos a enfocar o seu futuro profesional e mellorar as habilidades sociais. Tamén promove a integración de colectivos en risco de exclusión social, como as persoas con discapacidade, inmigrantes, refuxiados e vítimas de violencia de xénero.
No acto de onte estivo presente a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o director de MAPFRE en Lugo, José María Rañón, e o vicepresidente de FEAFES Galicia e presidente da asociación Alume, Manuel Fernández. Asemade, estiveron presentes os representantes das catro empresas colaboradoras que acollen traballadores: Clece, Urbaser, Lacera e Calfensa.
Lara Méndez asegurou que “as administracións deben velar polos colectivos e persoas que poidan ser máis vulnerables, e así o fai o Concello de Lugo dedicando o 21% do orzamento municipal para fins sociais”. A rexedora quixo agradecer tanto ás empresas colaboradoras como a FEAFES Galicia e á fundación MAPFRE a súa labor social e desexou sorte a todos os usuarios do programa para que poidan manter o seu posto de traballo unha vez rematada a formación e as prácticas deste proxecto.
Pola súa parte, José María Rañón destacou a labor de MAPFRE, que conseguiu que empresas galegas participen para integrar a 290 persoas. No concello de Lugo, neste novo programa se beneficiarán 13 persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental, que desempeñarán tarefas como xardinería, limpeza e limpeza viaria. Asemade, Rañón presentou o Programa ACCEDEMOS, o cal fomenta o emprego estable de persoas desempregadas en PEMES, autónomos e entidades sociais mediante axudas directas á contratación.
Na súa quenda, Manuel Fernández salientou a importancia da inclusión laboral como a mellor terapia para unha persoa con enfermidade mental. O vicepresidente de FEAFES Galicia destacou que a inserción non é algo que beneficie só ao usuario senón tamén ao seu entorno e ás empresas, que en todo momento contarán cun técnico de FEAFES Galicia para calquera dúbida que poida xurdir.
Asemade, os representantes das empresas lucenses Calfensa, Clece, Lacera e Urbaser, que tamén participaron no acto mediante a firma dun convenio polo que acollerán a 13 persoas con enfermidade mental en prácticas con posibilidade de contratación posterior, destacaron a súa positiva experiencia neste programa de emprego, pois permitiulles formar e incorporar ás súas plantillas a persoas con enfermidade mental que están demostrando un gran compromiso coa empresa.