A iniciativa “A Nosa Champions” organizada pola Real Federación Galega de Fútbol, comeza un novo ano cun formato diferente baseado en concentracións.
Onte tivo lugar a presentación da nova temporada de fútbol sala “A Nosa Champions” na sede da Real Federación Galega de Fútbol en Vigo. Esta iniciativa integradora de responsabilidade social foi creada por Saúde Mental FEAFES Galicia e organizada pola Real Federación Galega de Fútbol a través da Fundación do Fútbol Galego.
Na presentación participaron Julio Mougán, Presidente do Comité Galego de Fútbol Sala; Pablo Prieto, Presidente da Real Federación Galega de Fúbol; Marcos Ordoñez, representante de Saunier Duval Servicio Técnico, patrocinador do torneo; e Jaime Figueroa, en representación de Saúde Mental FEAFES Galicia. Durante a presentación fíxose entrega a cada asociación participante de dous balóns para adestrar e un balón conmemorativo de “A Nosa Champions”.
Un novo formato para un proxecto xa consolidado
Conscientes dos beneficios que o deporte ten para a saúde en tódolos sentidos, en 2007 Saúde Mental FEAFES Galicia iniciou a actividade de fútbol sala cun torneo e no 2008 creouse unha liga non federada entre asociación pertencentes á entidade. Buscando convertir a actividade nunha iniciativa máis integradora e normalizada, convírtese en competición regrada en 2020 coa axuda da Real Federación Galega de Fútbol, baixo o nome de “A Nosa Champions”.
Este ano, “A Nosa Champions” deixa de ser unha liga regular para pasar a un formato de torneos. Disputaranse tres: o primeiro terá lugar en Pontevedra o 27 de febreiro, o seguinte será en Lugo o 10 de abril e o último terá lugar en Santiago de Compostela nunha data aínda por confirmar entre xuño e xullo.
70 deportistas para marcarlle goles aos prexuízos
Este ano, serán seis as asociacións que participen en “A Nosa Champions”: A Creba, Avelaíña, Lenda, Doa, Alume e Alba. Sobre 70 xogadoras e xogadores que disputarán estes torneos cos que se pretende marcarlles goles aos prexuízos, para eliminar o estigma que rodea ás persoas con problemas de saúde mental.
O fútbol exerce, como outras veces, de ferramenta de normalización e visibilización. Con esta competición búscase tamén fomentar hábitos de vida saudable e promover a práctica habitual dunha actividade deportiva. Ademais, este tipo de iniciativas propician o encontro entre as persoas participantes favorecendo así as súas relacións e habilidades sociais.
Comeza “A Nosa Champions”. Moita sorte a todos os equipos!








