Abrimos nova vacante para o programa Fórmate na Empresa 2026, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; no que participan 12 persoas de entre 18 e 29 anos con diagnóstico de saúde mental.

Saúde Mental FEAFES Galicia participa no programa Fórmate na Empresa 2026, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.  No marco deste programa, 12 persoas de entre 18 e 29 anos poderán realizar estadías formativas en empresas ou entidades públicas ou privadas, vencelladas a sectores económicos estratéxicos de Galicia.

Dentro deste programa temos un posto vacante para Pontevedra, na empresa Sprinter Megacentro SL, pertencente ao sector de Textil/Moda.

As persoas interesadas que cumpran os requisitos (que indicamos no corpo desta nova) poderán presentar as súas candidaturas desde o 18 de xuño ata o 22 de xuño, ambos incluídos. Para iso deberán cubrir este formulario.

Tamén poderán falar coa delegación de Vigo/Pontevedra a través do seu enderezo electrónico vigo@feafesgalicia.org ou do teléfono 986 485 779

 

Requisitos das persoas mozas participantes neste programa

Para participar neste programa é necesario que as persoas interesadas teñan feitos os 18 anos e non superen a ideade máxima establecida na normativa vixente do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014 do 15 de outubro de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia). Ademais, deben estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano, e estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e figurar como persoas beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Condicións e beneficios do programa

As persoas participantes percibirián unha bolsa de formación cun importe de 690,67€ mensuais, incrementeada en 100€ no caso das persoas con discapacidade, e outros 100€ para desprazamentos cando a estadía non sexa no concello de residencia da persoa participante.

Ademais, recibirán unha formación complementaria, cun mínimo de 20h lectivas e apoio e titorización durante as estadías.

As horas formativas nas entidades ou empresas nas que se realizan as estadías terán unha duración mínima de 100h mensuais durante tres meses consecutivos e un mínimo de catro días semanais.

Obxectivos do programa

A finalidade do “Fórmate na empresa” é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX), non ocupadas e non integradas no sistema de educación ou formación. Búscase así contribuír á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo.

 

Entre os obxectivos do programa están:

  • Potenciar os programas de educación non formal nos que as persoas mozas adquiran os coñecementos e habilidades máis demandados no contexto laboral actual.
  • Achegar ás persoas mozas á realidade empresarial e mellorar a súa autonomía persoal.
  • Crear un ecosistema favorable á creación de oportunidades de emprego xuvenil.
  • Favorecer a captación e retención de talento en sectores económicos clave para a economía galega.

 

Máis información sobre o programa aquí https://xuventude.xunta.gal/gl/programas-c/formate-na-empresa .

O programa Fórmate na Empresa está cofinanciado pola Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude) e pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027

Share