Os Itinerarios de Formación Prelaboral para a Mellora da Empregabilidade de Persoas con Enfermidade Mental tratan de dar resposta ás necesidades concretas de formación prelaboral e de habilidades da vida cotiá que permitan facilitar a futura inserción sociolaboral de persoas con problemas de saúde mental.
Ao abeiro deste proxecto, FEAFES Galicia pon en marcha en Vigo un obradoiro de novas tecnoloxías aplicadas á busca activa de emprego, no cal participarán 9 persoas que se introducirán no mundo das NTICs aprendendo a empregar ferramentas como os buscadores, as axendas de emprego ou o enderezo electrónico.
Este curso permitirá tamén elaborar CVs e cartas de presentación, así como coñecer distintas fontes de información e xestión laboral electrónica, manexar portais de emprego e utilizar as redes sociais e outros recursos web para a buscar de emprego. Igualmente, trataranse temas introdutorios acerca do sexo e o xénero, micromachismos, autoconcepto, afectividade e sexualidade, prevención de malos tratos e igualdade laboral.
O obradoiro consta de 40 horas comprendidas entre o 15 e o 26 de xaneiro en horario de 10h a 14h. Realizarase na Aula CeMIT (Rúa Oporto nº1), cedida gratuitamente polo concello de Vigo, a quen agradecemos a súa colaboración a través da cesión de espazos e aulas nas que desenvolver diversas actividades.
O Proxecto de Habilidades Prelaborais, no cal se encadra esta acción formativa, responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.